publicidade hoxe

A Xunta terá en conta as demandas dos veciños na definición do trazado da variante de Alba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Xunta terá en conta as demandas dos veciños das parroquias afectadas para definir o trazado da Variante de Alba, no termo municipal de Pontevedra. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta tarde unha xuntanza cos representantes das asociacións de veciños de Alba e Cerponzóns, que trasladaron os seus puntos de vista sobre esta infraestrutura viaria que o Goberno galego impulsa na Cidade do Lérez.

Durante a xuntanza, Menéndez expuxo que a intención da Xunta de Galicia é desenvolver a Variante de Alba co máximo nivel de consenso, de forma que as consideracións formuladas hoxe polos veciños destas parroquias serán analizadas e atendidas na medida do posible.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou que o seu departamento está a recompilar toda a información técnica e as valoracións sociais para, a continuación, ultimar a proposta de trazado que proximamente abordará cos técnicos do Concello de Pontevedra.

A variante de Alba ten como finalidade servir de conexión entre as estradas Pontevedra- Baión (PO-531) e a N-550 (A Coruña- Tui) funcionando como alternativa á estrada PO-225, que comunica Alba con San Caetano, permitindo a comunicación entre estas dúas importantes estradas sen necesidade de entrar no núcleo urbano.

O Goberno galego prevé definir unha proposta de trazado tecnicamente viable e con aceptación social para sometela a información pública.

11 de outubro de 2017 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.