publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta ponse á disposición dos alumnos galegos residentes en Cataluña que queiran trasladar o seu expediente a Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará os trámites de traslado de expediente daqueles alumnos galegos residentes en Cataluña -tanto do ensino non universitario como universitario- que queiran retornar a Galicia debido á actual situación de inestabilidade social e política. Así o explicou esta mañá o conselleiro Román Rodríguez con motivo dunha visita ao CIFP Politécnico de Santiago, onde subliñou que a Xunta pon os seus servizos a disposición dos estudantes que queiran volver a Galicia para continuar con seus estudos.

Neste sentido, no que atinxe ao ensino non universitario, garántese que todos os alumnos terán unha praza en centros sostidos con fondos públicos. No caso da universidade, a Consellería ofrece aos universitarios desprazados, se así o desexan, todo o apoio necesario para facilitar a tramitación de traslado de expediente ás universidades galegas, realizando un labor de intermediación coas propias universidades, tendo en conta a situación concreta de cada titulación e centro.

FP Dual no CIFP Politécnico

O titular do departamento educativo do Goberno galego realizou estas declaracións durante unha visita ao CIFP Politécnico, na que tamén puido coñecer de preto o espazo no que se vai acometer unha obra de ampliación. A actuación, prevista para o vindeiro ano, consistirá na reforma do pavillón, no que se localizarán novos talleres de Formación Profesional.

Esta obra súmase á reforma das fachadas do centro, que vén de finalizarse este ano e supuxo un investimento superior aos 600.000 euros.

Cómpre destacar que este CIFP estrea neste curso 2017/18 un proxecto de FP Dual novidoso en Galicia. Trátase do ciclo de grao medio en Redes e Estacións de Tratamento de Augas, impartido en colaboración coa empresa VIAQUA. Precisamente, Román Rodríguez intercambiou impresións co alumnado matriculado neste ciclo, un total de 14 mozos e mozas, que alternarán a súa formación entre o centro educativo e a propia empresa. Así mesmo, o alumnado participante beneficiarase de bolsas durante o tempo que permaneza na empresa.

9 de outubro de 2017 | 17:42 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario