publicidade hoxe

A Xunta pon o Programa Reconduce á disposición das familias en risco ou situación de desafiuzamento da vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita á oficina da cidade herculina

Ovidio Rodeiro na visita á oficina da cidade herculina

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a oficina do Programa Reconduce que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha na cidade herculina. O Programa Reconduce constitúe o marco integrado de coordinación dos servizos que van poñerse a disposición para dar apoio ás persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento da vivenda habitual; ben para previlo, ou ben para paliar os efectos deste.

Esta iniciativa nace como un complemento do convenio previamente existente entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en virtude do cal o xuíz xa podía suspender a execución do desafiuzamento durante un prazo de dez días para permitir que os Servizos Sociais poñan en marcha medidas de protección social, como a activación de prestacións económicas, a protección de menores ou mesmo o reacollo.

Quíxose dotar a este programa dun carácter transversal, polo que interveñen nel cinco Consellerías con competencias directas e indirectas na materia, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, sete entidades financeiras e os xa mencionados Consello Xeral do Poder Xudicial e Federación Galega de Municipios e Provincias.

O Programa diríxese a dous grupos de intervención: as persoas e familias en risco de desafiuzamento, sen proceso xudicial aberto, e aquelas cuxo proceso xudicial está xa en curso. O primeiro é o principal destinatario dos recursos específicos que crea o programa, os cales prevén intervencións de carácter preventivo para evitar o desafiuzamento por execución hipotecaria da súa vivenda en propiedade. Neste caso tense en conta que a vivenda en propiedade hipotecada é a única que posúe o beneficiario, que a vivenda se atope en Galicia e que o seu titular está empadroado nalgún municipio de Galicia.

No segundo suposto, o das persoas cuxo proceso xudicial está xa en curso, tense en conta que as posibilidades de chegar a un acordo extra procesual ou de mediación están xa esgotadas, as accións de intervención teñen un carácter máis paliativo: atención psico-social, orientación laboral e busca de vivenda alternativa.

De xeito prioritario, o programa facilita ás persoas e familias en risco, asesoramento xurídico e económico.financeiro dirixido a evitar a apertura dun proceso de execución hipotecaria da vivenda habitual. Dito asesoramento inclúe o intento de restauración negociada da débeda coas entidades financeiras. Ademais, de xeito complementario, facilitaralles atención psico-social, orientación laboral e, cando reúnan os requisitos para acceder a estes, servizos de xustiza gratuítos e apoio na busca da vivenda alternativa. A través do programa, prestaranse os servizos de asesoramento xurídico e económico, que inclúe a realización de actuacións de mediación coa entidades financeiras, atención social, apoio psicolóxico, orientación laboral e busca de vivenda alternativa.

Ovidio Rodeiro visitou a oficina que a Xunta de Galicia ven de abrir na Coruña, como resultado do proceso de descentralización do Programa Reconduce, medida que evitará desprazamentos aos cidadáns, xa que o programa estaba ata o de agora centralizado en Santiago de Compostela. O Delegado Territorial doulles a benvida aos traballadores e emprazounos a “levar adiante esta dura pero reconfortante tarefa, tendo sempre en conta que estades contribuíndo a paliar situacións angustiosas ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade”. Rodeiro rematou sinalando que “este tipo de iniciativas xustifican de seu o traballo dunha administración como a Xunta de Galicia”.

24 de outubro de 2017 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.