publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta participa na Feira Internacional de Emprego Universitario para impulsar a calidade e o talento da mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Vigo na apertura da Feira Internacional de Emprego Universitario que organiza, co apoio da Xunta, as universidades de Porto, Vigo e Tras-Os-Montes e Alto Douro co obxectivo de impulsar o traballo de calidade na eurorrexión. A primeira edición desta iniciativa tivo lugar o pasado ano e participaron nela máis de 200 empresas e puntos de información de toda Europa, ao tempo que se promoveu conxuntamente a xestión de máis de 15.000 candidaturas a ofertas de emprego.

A feira terá lugar o 17 e 18 de outubro en Porto e o 24 e 25 de outubro en Vigo. Coa organización deste evento, darase a oportunidade durante catro días a estudantes e persoas tituladas de todas as áreas de coñecemento de manter contacto directo con organizacións e empresas que demandan talento universitario.

Marnotes sinalou na apertura a importancia de seguir apostando polo labor conxunto que Galicia realiza con Portugal na identificación de oportunidades laborais para os mozos e mozas. Neste aspecto, lembrou as medidas que está desenvolvendo a Xunta, a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para ampliar a empregabilidade dos menores de 30 anos. A través desta planificación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva investidos este ano preto de 24 millóns de euros en políticas dirixidas especificamente á mocidade.

Entre as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar o traballo xuvenil, salientou o programa Emprega Xuventude, unha nova actuación do Goberno galego destinada a impulsar a formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego. Trátase dunha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

Para iso, a iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe, segundo explicou Marnotes, axudas a través dun bono de 7000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.

Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.

Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude.

Unidades formativas

Outra das medidas que puxo en valor o director xeral foi as Unidades Formativas nas Empresas para adaptar a formación ás necesidades específicas de cada empresa. A través desta iniciativa son as propias compañías as que forman aos traballadores adquirindo un compromiso de contratación do 60% dos participantes para o que contan con incentivos á contratación, axudas que poden alcanzar os 9.000 euros no caso dun traballo indefinido. Pola súa banda, a Administración autonómica financia o 100% da formación e incentiva ás empresas que superen esta porcentaxe de contratacións.

Marnotes, por último, centrouse na formación á porta para acercar a oferta formativa da Xunta aos concellos que non conten con centros homologados. Trátase dun programa para impulsar a especialización de 2.500 mozos e mozas menores de 30 anos.

Para rematar, o director xeral apuntou que a mocidade é un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta e lembrou que na Axenda 20 tamén se recollen outras axudas destinadas á mocidade centradas na formación ou o emprego autónomo.

6 de outubro de 2017 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.