publicidade hoxe

A Xunta licita esta semana as direccións de obra e de execución de obra do Edificio de Benito Corbal en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Galicia publicará esta semana o anuncio de licitación das direccións de obra e de execución de obra da reforma do edificio de Benito Corbal en Pontevedra. As licitacións ascenderán a máis de 224.000 euros e forman parte do investimento de 5,1 millóns que o Goberno galego afrontará neste proxecto.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentoulle hoxe os detalles da reforma ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e informouno dos pasos administrativos a dar trala licitación da obra hai case dúas semanas: solicitude da licencia de obra esta mesma semana, adxudicación antes de final de ano, inicio das obras a principios de 2018 e inauguración do edificio na primeira parte de 2019. No proxecto de orzamentos para 2018 a obra conta cunha partida de máis de 3,8 millóns de euros.

Rueda incidiu na importancia de estar en contacto coa sociedade pontevedresa para sacarlle o máximo partido a un edificio no que convivirán servizos da Xunta, da Universidade de Vigo e de asociacións locais. O obxectivo é contar no centro da cidade cun espazo moderno, cómodo, accesible e versátil para todos os usuarios.
O edificio primará a eficiencia enerxética facendo un inmoble cunha cualificación enerxética A, tanto con respecto ao consumo de enerxía primaria non renovable como en emisións de CO2, xa que a rehabilitación do edificio ten como obxectivo poder dispoñer dun edificio enerxeticamente eficiente polo que se aplicarán métodos e tecnoloxías enerxéticas como caldeiras de biomasa para a calefacción, bombas de calor de tecnoloxía VRV para calefacción e refrixeración, instalación solar fotovoltaica para xeración de electricidade, así como elevados niveis de illamento térmico e sistemas de iluminación eficientes.

O orzamento total da actuación ascende a 5,1 millóns de euros, incluíndo o estudo previo, a redacción do proxecto, o cálculo estrutural do edificio, ademais da dirección de obra e a auditoría enerxética.

23 de outubro de 2017 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.