publicidade hoxe

A Xunta impulsa en Gondomar un curso para artesáns impartido polo xaponés Shingo Sato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Gondomar o curso de formación para artesáns impartido polo deseñador xaponés Shingo Sato.

Esta iniciativa de formación especializada, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Fundación Artesanía de Galicia, leva por título “Do patrón a un branco segundo a visión do deseñador Shingo Sato”. Desenvólvese no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar coa participación de quince profesionais da artesanía galega.

Os alumnos adquiren a destreza e o coñecemento necesario para a creación de pezas de moda aplicando a recoñecida técnica de Reconstrución Transformacional empregada polo modisto e creador xaponés Shingo Sato. Esta técnica suprime as pinzas e as liñas de costura indispensables no ensamble de pezas de vestir e substitúeas por cortes asimétricos, xeométricos, circulares, creando un novo manexo de volumes.

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, promove a mellora da formación dos profesionais da artesanía galega no marco da súa programación de formación especializada para o sector. Proximamente celebrarase na Coruña un curso de remates para bixutería dirixido pola británica Charmian Inman.

A colaboración e a formación entre os profesionais da artesanía é unha das áreas de traballo que a Xunta impulsa, co fin de conservar o coñecemento dos artesáns tradicionais e promover a incorporación de novos talentos ao sector artesanal galego, consolidándoo como un sector de prestixio, competitivo e transversal.

24 de outubro de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.