publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta implantará por primeira vez os ciclos medios de vela nun centro educativo

Román Rodríguez na sinatura do acordo para impartir o ciclo medio de vela

Román Rodríguez na sinatura do acordo para impartir o ciclo medio de vela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asinaron hoxe un acordo de colaboración ao abeiro do que a Xunta implantará por primeira vez, na Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de vela nun centro educativo. En concreto, o acordo traducirase na impartición no IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa) das ensinanzas deportivas de grao medio en vela con aparello fixo e en vela con aparello libre. Ao acto asistiron tamén o delgado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, entre outras autoridades.

Os títulos de técnico deportivo impartiranse de forma compartida entre o IES e o Centro Galego de Vela, adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte; de tal forma que o bloque común do currículo se desenvolverá no Bouza Brey e o específico no devandito centro de vela. Será a Consellería quen se faga cargo dos gastos do profesorado, mentres que Deporte asumirá a xestión e mantemento relacionado cos gastos derivados do axeitado funcionamento das instalacións para o óptimo desenvolvemento das ensinanzas.

A Consellería de Cultura e Educación abrirá unha convocatoria específica para que 12 alumnos se matriculen nestas dúas titulacións, que se desenvolverán ao longo do presente curso e do seguinte, esta convocatoria sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro venres 13 de outubro. Para acceder a estas ensinanzas será necesario ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para efectos académicos, e superar a proba de carácter específico establecida.

A impartición compartida destas ensinanzas configura un contexto idóneo para a formación e preparacións dos futuros titulados, dando un novo impulso aos ciclos deportivos e á súa integración no sistema educativo.

Especializacións e ocupacións

En total as titulacións constan de 1.100 horas repartidas en dous cursos académicos, que inclúen un total de 350 de formación práctica (150 horas no ciclo inicial e 200 horas no ciclo final), co fin de que o alumnado entre en contacto coa realidade do mundo laboral. No referido ao título de técnico deportivo en vela con aparello fixo, conta cunha soa especialización, a de vela adaptada con aparello fixo. Quen rematen estes estudos poderán exercer o seu labor profesional como adestrador de tecnificación en vela con aparello fixo, coordinador doutro persoal técnico de iniciación á vela, xestor ou organizador de eventos de vela de promoción e iniciación, responsable da seguridade da navegación e das instalacións deportivas utilizadas na tecnificación, ou no traballo de acompañamento e dirección ao regatista en competicións.

No caso do título en vela con aparello libre, as especializacións posibles serán as de Kiteboarding e a de vela adaptada con aparello libre. Os titulados poderán exercer ocupacións e postos de traballo como as de monitor de iniciación á vela ou adestrador de iniciación á competición.

Visita ao IES

Tras a sinatura do acordo, que se celebrou no Centro Galego de Vela, o conselleiro de Cultura e Educación, a secretaria xeral para o Deporte e o delegado da Xunta en Pontevedra, visitaron o IES Fermín Bouza Brey, centro que xa ten experiencia na impartición de ensinanzas deportivas. Non en balde, puideron coñecer o alumnado e docentes de Baloncesto, que cursan estudos nas instalacións deste instituto.

9 de outubro de 2017 | 17:13 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario