publicidade hoxe

A Xunta fomenta a solidariedade e o respecto ao medio ambiente co proxecto “Püssa nos coles”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe no CEIP San Xoán de Filgueira, en Ferrol, ao alumnado participante no proxecto solidario “PÜSSA nos coles”. Unha iniciativa da Consellería de Política Social que combina a solidariedade, coa creatividade e o respecto ao medio ambiente e que está dirixida aos nenos e nenas de 1º a 4º de Primaria.

Nesta liña, Rey Varela explicaba que “PÜSSA nos coles” pretende achegar aos máis novos unha acción solidaria ligada a unha acción de concienciación coa reciclaxe. Nomeadamente, a actividade basease na realización de obradoiros creativos cos tapóns das botellas de auga e dos tetrabricks, e onde o xogo servirá de fío para promover entre os rapaces e rapazas valores como a solidariedade, a cooperación e o respecto ao medio ambiente a través da separación e reciclaxe de elementos.

O conselleiro de Política Social quixo agradecer á dirección e ao profesorado do centro o esforzo “por incluír a educación medioambiental, a solidariedade e a creatividade nas vosas aulas”. “Porque só a través da educación –engadiu- conseguiremos a implicación de toda a sociedade na protección do medio ambiente e no fomento da solidariedade, valores que nos permitirán avanzar na construción dun mundo mellor”.

Rey Varela tamén tivo palabras de alento para o alumnado participante, aos que dixo “tedes unha responsabilidade moi importante para coidar o noso planeta nun futuro” e aos que animou a “trasladar esta experiencia aos vosos fogares, para que xunto cos vosos pais, nais, irmáns ou curmáns practiquedes no día a día”.

“PÜSSA nos coles” visitará, ademais do colexio San Xoán de Filgueira, os CEIP Esteiro, Almirante Juan de Lángara e Ponzos, entre outros.

25 de outubro de 2017 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.