publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta estenderá as casas niño nos concellos rurais de Galicia coa nova convocatoria de axudas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GudiñaGaliciaLocal PortadaMonterreiPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, visitou esta mañá as casas niño dos municipios ourensáns da Gudiña e Monterrei, recursos de conciliación gratuítos para as familias que residen nestes concellos onde se ocupan da atención de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos de idade. Na actualidade están en servizo 30 equipamentos destas características distribuídos por toda a xeografía galega e está en marcha unha segunda convocatoria de axudas para a apertura doutras 30 casas niño ao longo deste ano e o que vén.

Amparo González sinalou que o obxectivo de lexislatura é que todos os concellos rurais de Galicia de menos de 5000 habitantes dispoñan dalgún recurso de conciliación. Neste sentido, apuntou que a Administración autonómica está en proceso de resolución das solicitudes presentadas á nova orde de axudas para posta en marcha de casas niño. A estas achegas destinase un orzamento de 2,4 millóns de euros, distribuído en catro anualidades e financiado en parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Estas axudas permitirán subvencionar a reforma e adaptación do inmoble, así como o seu equipamento e dotación material, e a prestación da atención personalizada aos menores. As achegas para os gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% tendo un límite de 15.000 euros concedidos por cada casa niño. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 euros por cada no en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura.

A responsable do departamento autonómico de Familia destacou a importancia de dar continuidade a este iniciativa coa que se pretende crear recursos de conciliación para as familias, oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. Así mesmo, indicou que coas casas niño apóianse as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización da economía local e, consecuentemente, para a fixación da poboación ao territorio.

As casas niño constitúen un recurso específico para os concellos de menos de 5000 habitantes complementario a outras existentes en Galicia, como a rede de escolas infantís da Galiña Azul, as prazas en escolas infantís de iniciativa social e as concertadas, ou os programas Bono Concilia e Bono Coidado.

3 de outubro de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.