publicidade hoxe

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados polas obras de mellora da estrada entre Pancenteo e Marzán para o pago dos depósitos previos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Rosal
A-
A+

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se convoca aos propietarios dos terreos afectados polas obras de mellora da estrada que une as localidades de Pancenteo e Marzán (PO-353), ao seu paso polo Rosal, para o vindeiro 19 de outubro para o pago dos depósitos previos. Para obter máis información, pódese consultar o seguinte enlace.

Os titulares dos terreos afectados deberán achegarse á Casa do Concello do Rosal na citada xornada, entre as 10 e as 11.00 horas. No suposto de non terse xuntado a documentación acreditativa da titularidade, procederase á consignación do importe na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, polo que, como marca o Regulamento de expropiación forzosa, convócase o acto de formalización das actas de ocupación, na Casa do Concello o mesmo día 19, entre as 10 e 13.00 horas, e o 20 no mesmo horario

O proxecto ten por obxectivo a mellora da seguridade viaria en máis de 2,2 quilómetros e a accesibilidade, tanto dos vehículos como dos peóns, actualizando e completando a drenaxe e a sinalización existente en dita estrada.

As obras, que darán continuidade ás executadas na Guarda e que teñen un prazo de execución de 6 meses, contemplan unha actuación na sección da estrada, a renovación e ampliación das beirarrúas, a incorporación dunha senda peonil, a substitución da drenaxe lonxitudinal, e a ampliación das drenaxes transversais.

Con estas accións aumentaranse a comodidade e seguridade da circulación ao ampliar o raio das curvas e facilitaranse os xiros en condicións máis seguras, reordenando as interseccións existentes no tramo.

6 de outubro de 2017 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.