publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta apoia as persoas con TDAH e as súas familias a través dun convenio con Ingada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio

José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a vicepresidenta do Instituto Galego do Trastorno por déficit de atención e hiperactividades e trastornos asociados (Ingada), Elvira Ferrer Vázquez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá o desenvolvemento dun punto de asesoramento ás familias en Narón que dará servizo a todos os galegos e galegas. O acto, que tivo lugar en San Caetano, contou coa asistencia da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González.

Dito programa permitirá acadar un mellor prognóstico do trastorno facilitando o achegamento a un diagnóstico precoz, unha intervención temperá tanto na parte educativa como na médica para así lograr unha mellora da estabilidade familiar.

Así, ao abeiro deste convenio, Ingada asesorará aos pais e nais dos nenos e nenas sobre a dinámica familiar e problemas derivados das características persoais ou momentos críticos nos que se atopen os seus fillos. Farao a través dun punto de asesoramento familiar que orientará aos afectados para que poidan desenvolver adecuadamente as súas funcións de aprendizaxe e socializadoras, así como para que poidan superar situacións de necesidade e risco social. Esta iniciativa ofrecerá actividades de carácter preventivo e aportará medidas de intervención que contribúan a modificacións de condutas non desexadas. O servizo será proporcionado por un equipo multidisciplinar integrado por psicólogos, educadores sociais, médicos, terapeutas ocupacionais, orientadores e pedagogos que realizarán o seu labor a través de grupos de axuda, obradoiros, charlas e prestarán tamén atención individualizada aos usuarios. O punto de asesoramento estará dispoñible para todos os galegos e galegas que desexen facer uso do mesmo.

Por outra banda, a entidade elaborará pautas de actuación e programas de apoio ás familias e derivará aqueles casos que por calquera motivo excedan á competencia dos labores do instituto a quen e onde proceda.

Ingada é a única entidade que desenvolve un proxecto integral de asesoramento ás familias de membros con TDAH e trastornos asociados motivo polo cal a Xunta subscribe por primeira vez este acordo achegando unha contía de 20.000 euros.

A Administración autonómica saúda a sinatura deste convenio, que mellorará a calidade de vida das persoas afectadas polo TDAH, así como das súas familias e do seu contorno máis próximo. Cómpre destacar que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun recurso destas características.

A Xunta de Galicia xa viña mantendo outras liñas de colaboración coa entidade nos últimos anos, nomeadamente actividades formativas como o curso de especialización en trastorno por TDAH para profesionais do tempo libre, un curso para aprender a falar en público e outra formación de orientación empresarial.

9 de outubro de 2017 | 17:37 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario