publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta activa un protocolo para a atención dos menores con doenzas mentais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Rey Varela e Vázquez Almuíña na sinatura do convenio

Rey Varela e Vázquez Almuíña na sinatura do convenio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para a posta en marcha dun protocolo en materia de coordinación sociosanitaria para menores institucionalizados na comarca de Ferrolterra. Así, ao abeiro deste convenio, aqueles rapaces e rapazas do Centro de Menores Ferrol I que teñan superado a idade pediátrica, esta é, entre os 16 e os 18 anos, terán garantida unha axeitada atención á saúde mental por parte do Servizo de Psiquiatría da EOXI de Ferrol.

Deste xeito, o acordo subscrito esta mañá permitirá designar un facultativo para que se encargue da atención directa daqueles pacientes maiores de 16 anos en acollemento residencial no Centro de Menores Ferrol I que presenten algún trastorno mental e que sexan derivados pola Unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil ou polo Médico de Atención Primaria. O protocolo tamén recolle as atencións de seguimento e revisión dos menores cubertos por este acordo, para os que o Servizo de Psiquiatría da EOXI de Ferrol establecerá unha franxa horaria na axenda do psiquiatra de referencia cunha frecuencia dun día ao mes.

Por outra banda, e para as situacións de carácter urxente, está previsto que o psiquiatra de referencia contacte co centro telefonicamente nun prazo non superior a 24 horas e faga unha avaliación da situación, determinándose posteriormente o criterio de actuación. No caso de que isto suceda durante a fin de semana, festivos ou en situación de ausencia do responsable, a atención sanitaria realizarase a través do servizo de urxencias, quen requirirá ao psiquiatra de garda a valoración do caso.

Os titulares de Sanidade e Política Social explicaban ao remate do acto de sinatura que con este convenio a administración autonómica pretende dar unha resposta eficaz a unha poboación cun alto grado de vulnerabilidade como é a dos menores baixo tutela ou garda da Xunta, de aí a necesidade dunha asistencia directa na que se privilexie a abordaxe do caso individual. E, ao fío, lembraron que o perfil dos menores necesitados de protección administrativa foi cambiando nos últimos anos e cada vez é maior o número de nenas e nenos que, en idades cada vez máis temperás, manifestan problemáticas relacionadas coa saúde mental, aos que se da resposta dende toda a rede de recursos de protección.

O acordo asinado esta mañá entrará en vigor de xeito inmediato e terá unha duración de catro anos prorrogables de xeito anual por un período de ata catro anos adicionais.

25 de outubro de 2017 | 15:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.