publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Semana Internacional do Láser sitúase como un dos principais foros desta tecnoloxía en Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraPortada dereita
A-
A+
Patricia Argerey na visita ao encontro

Patricia Argerey na visita ao encontro

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron esta mañá o Centro de Aplicacións Láser de Aimen para coñecer as principais innovacións tecnolóxicas que se están presentando no marco da feira tecnolóxica das XIII Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxía Láser.

Estas xornadas, que se desenvolven hoxe e mañá no Porriño, constitúen o principal evento da IV Semana Internacional Láser que atrae a Galicia preto de 200 asistentes, entre investigadores, desenvolvedores e usuarios finais desta tecnoloxía procedentes de diferentes países. No foro, consolidado como un dos principais encontros arredor da tecnoloxía láser en Europa, expertos internacionais presentan as principais novidades do sector en canto a fontes e sistemas láser, novos procesos, control de calidade e aplicacións en sectores como automoción, aeronáutica, enerxía ou sanitario, entre outros. Ademais, na espazo de feira participan preto de vinte expositores entre provedores de equipamento láser e prestadores de servizos tecnolóxicos relacionados con tecnoloxía láser.

Aimen, centro tecnolóxico de referencia no sector

O Centro Tecnolóxico Aimen, que celebrou recentemente o seu 50 aniversario, é un dos seis centros tecnolóxicos de excelencia de Galicia recoñecidos polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e constitúe un referente nacional na investigación e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e os procesos de fabricación avanzados, entre os que destacan as tecnoloxías de unión, as tecnoloxías láser aplicadas ao procesado de materiais e a robótica, aplicados a sectores como a automoción, a construción naval, o metal-mecánico, aeronáutico e enerxético. Ademais, o centro, en funcionamento desde 2014 e construído co apoio da Xunta, é o maior de España na súa categoría, tanto por persoal investigador como por investimento.

A Xunta, consciente do importante labor que desenvolve o centro, apoia a súa I+D+i a través de distintas liñas de axuda co obxectivo de contribuír á transferencia de coñecemento á industria, a retención de talento e o aumento da competitividade do tecido empresarial galego. Recentemente, resolvéronse os contratos-programa dos centros tecnolóxicos consolidados e centros de apoio á innovación, entre eles Aimen, a través dos que GAIN achega un total de 1,8 millóns de euros de financiamento estable a estes centros en función dunha serie de indicadores de xestión e resultados.

Ademais, hoxe publícase no DOG a resolución do programa Principia, a través do que Aimen recibe apoio para a contratación de persoal técnico para realizar actividades de I+D+i. Por outra parte, o centro conta con cinco Unidades Mixtas de Investigación, tres no sector da automoción e dúas no sector naval, apoiando así o desenvolvemento de grandes proxectos de I+D+i en Galicia en sectores estratéxicos para a nosa economía.

19 de outubro de 2017 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.