publicidade hoxe

A Rede Galega de Teatros e Auditorios estrea os novos espectáculos de Caramuxo e de Pérez&Fernández na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios na Coruña acolle neste inicio de temporada a estrea de dous novos espectáculos dirixidos ao público familiar: Ela, de Caramuxo Teatro, e Aguratrat!, de Pérez&Fernández. As primeiras funcións destas montaxes terán lugar os días 6 e 12, respectivamente, no Fórum Metropolitano.

Tanto o devandito espazo como o Teatro Rosalía Castro forman parte deste circuíto cultural, xestionado pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e cofinanciado coas entidades que xestionan os seus 44 espazos asociados. En 2017, a rede conta cun orzamento global de 1,5 millóns de euros para achegarlles aos espectadores galegos unha oferta cultural de 539 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo, a meirande parte delas protagonizadas por compañías galegas.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación destas estreas xunto a José Manuel Sande, concelleiro de Culturas da Coruña; Juan Rodríguez e Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro, e Victoria Pérez e Manuel Fernández, de Pérez&Fernández.

Apoio á produción

Ademais do apoio á súa estrea e xira por outros escenarios dos circuítos de espectáculos da Xunta, Sutil lembrou que tanto Ela como Aguratrat! contaron para a súa realización cunha subvención da Agadic a través da última convocatoria de axudas á produción escénica, da que se beneficiaron 31 novas montaxes de compañías galegas profesionais.

Na súa intervención, referiuse tamén os sinais de identidade que comparten ambas as formacións, que “se dirixen ao público de máis curta idade, vinculando o goce das artes escénicas coa expresión de valores cívicos e sociais fundamentais, ademais de cumprir co importantísimo cometido de ser vehículos de comunicación e dinamización da lingua galega”.

Maruja Mallo

No caso de Caramuxo, Ela contribuirá, así mesmo, a difundir entre o público infantil a figura e a obra de Maruja Mallo, no ano no que a Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas á pintora de Viveiro. Con tal fin, presentan un espectáculo de teatro e danza para toda a familia que poderá verse por vez primeira este venres, ás 20,00 h, no Fórum Metropolitano.

Caramuxo conta cunha consolidada traxectoria no panorama escénico especializado en público infantil, ademais de ser pioneira en Galicia canto ao formato de teatro para bebés. Con Ela dá continuidade ás coidadas postas en escena que caracterizan os seus anteriores traballos, dos que na actualidade manteñen seis en xira.

Pola súa banda, Pérez&Fernández é unha compañía de recente creación que enfronta agora a súa segunda montaxe, tras a gran acollida de O poder de Amabel, o seu espectáculo de debut. En Aguratrat! volve conxugar teatro de actor e de monicreques para levar a escena a obra Esio Trot, do británico Roald Dahl, un dos autores internacionais máis lidos polo público infantil e xuvenil. A estrea será o xoves 12 de outubro, ás 18,30 h.

Ambas as funcións insírense, á súa vez, na carteleira Todo Público Outono 2017 do Concello da Coruña. A venda anticipada de entradas está xa dispoñible no web de www.ticketea.com, no teléfono 902 044 226 e no despacho de billetes da praza de Ourense. No Fórum Metropolitano poderán adquirirse unha hora antes do comezo dos espectáculos.

3 de outubro de 2017 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.