publicidade hoxe

A Panadaría representa no Salón Teatro de Santiago a súa coprodución co CDG ‘Elisa e Marcela’

Elisa e Marcela, espectáculo da compañía A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) e co Concello de Rianxo, chega esta semana a Santiago para desenvolver catro funcións de xoves a domingo no Salón Teatro. A montaxe leva por primeira vez ás táboas a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 e que é o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España.

A proposta contou tamén co apoio do CDG a través do programa En Residencia, dentro do que o equipo da Panadería –coa directora Gena Baamonde e as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman á fronte– desenvolveu 20 días de estadía artística e técnica o pasado mes de setembro na sede da compañía da Xunta de Galicia.

Elisa e Marcela insírese, así mesmo, na iniciativa Dramaturxente, que acolle no Salón Teatro a representación de pezas froito das novas dramaturxias galegas. En concreto, o texto deste espectáculo está asinado polas súas intérpretes e directora xunto a Esther F. Carrodeguas. A compañía é unha das catro seleccionadas para a nova temporada de ambos os programas do Centro Dramático Galego xunto a Feira do Leste, Javier Martín e Anómico Teatro.

As dúas mulleres que lle dan título á que é a terceira montaxe de A Panadaría casaron nunha cerimonia relixiosa na igrexa de San Xurxo da Coruña, de xeito que para enganar o cura e poder facer oficial o seu amor, Elisa transformouse en Mario. A voda e os sucesos posteriores que marcaron as súas vidas convertéronas non só no primeiro matrimonio homosexual de España, senón tamén nunhas das mulleres máis transgresoras da historia de Galicia e en todo un símbolo do colectivo LGTBQI.

Horarios e venda de entradas

As catro funcións de Elisa e Marcela no Salón Teatro terán lugar do xoves 26 ao sábado 28, ás 20,30 h., e o domingo 29, ás 18,00 h. As entradas está á venda no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Ademais, os días das representacións poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes do inicio do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, cos descontos habituais, para os seus tres primeiros pases, e de 5 euros para o domingo, Día do Espectador na sede do CDG.

A pesar da súa recente traxectoria, A Panadaría ocupa xa un lugar destacado no actual panorama escénico galego grazas ao traballo creativo das súas integrantes, o uso da música vocal e o humor. Co seu primeiro espectáculo, Pan! Pan!, recibiu o primeiro premio do certame Xuventude Crea 2013, o Premio da Crítica de Galicia en 2015 e, nese mesmo ano, o Premio María Casares á mellor actriz secundaria para Areta Bolado.

Elisa e Marcela, que estrearon o pasado día 14 no Rosalía Castro da Coruña dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, representouse a pasada fin de semana en Vigo e, tras a súa estadía en Santiago, poderá verse en Tui, Pontevedra, O Barco de Valdeorras e Vimianzo, entre outras localidades.

24 de outubro de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.