publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Illa de San Simón recupera o seu protagonismo na poesía galega co obradoiro de tradución ‘Con barqueira e remador’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRedondela
A-
A+

A illa de San Simón, en Redondela, retoma o seu protagonismo na poesía galega, da que é berce fundacional, ao converterse, por sexto ano consecutivo, na sede do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador. O galego Estevo Creus, o asturiano Antón García, a brasileira de orixe italiana Francesca Cricelli, a finesa Rita Dahl e o chinés Hu Xudong intercambiarán, do 16 ao 21 de outubro, coñecementos e experiencias, baixo a dirección da poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño. A iniciativa conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura e do Concello de Redondela, ademais do apoio de diversas entidades.

“Presentar a sexta edición deste obradoiro internacional de tradución poética significa a consolidación dunha iniciativa innovadora, que naceu para poñer en valor a riqueza do intercambio”, afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de presentación do obradoiro, que tamén contou coa participación de Yolanda Castaño, do alcalde e da concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Javier Bras e Teresa París, respectivamente; do deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; e de Carme Fouces, concelleira de Cultura do concello de Pontevedra.

Participaron tamén Dores Tembrás, escritora e coordinadora da publicación resultante da V edición do obradoiro, que se deu a coñecer no mesmo acto, e Carla Sofía Amado, directora do centro cultural do Camões en Vigo, que tamén apoia a iniciativa.

Convivencia poética para tender pontes

Para Anxo Lorenzo, “esta convivencia poética significa para a cultura galega a posibilidade de enriquecerse e, á súa vez, de achegar algo ás outras culturas” e situou o obradoiro dentro das actividades do Goberno galego destinadas a fomentar “o intercambio cultural a través da tradución”. A novidade da utilización do portugués como lingua franca do encontro e a coincidencia da presenza en Galicia do Pergamiño Vindel, que se exhibe por primeira vez ao público no Museo do Mar de Galicia, reforzan, para o secretario xeral de Cultura, os valores históricos e patrimoniais da Illa de San Simón.

Os seis poetas e tradutores, cunha traxectoria multipremiada, daranlles forma ás palabras e os seus ritmos, intercambiando experiencias e ideas durante unha semana, a través do portugués e das traducións.

Recitais poéticos multilingües

Como contribución dos autores á contorna social que acolle o obradoiro, celebrarase un programa de actos paralelo, aberto e gratuíto, que consiste en tres recitais poéticos multilingües os días 18, 19 e 20 de outubro na Casa da Luz de Pontevedra; no Instituto Camões de Vigo; e na Casa da Cultura de Redondela, todos ás 20:00 horas. Neles soará a obra dos convidados e convidadas nas súas linguas orixinais, seguidas das traducións ao galego.

9 de outubro de 2017 | 17:16 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario