publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Evega organiza en Monforte unha xornada sobre a rastrexabilidade no viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organizou para mañá xoves, día 26, unha xornada técnica sobre a rastrexabilidade no viño en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos (Lugo).

Esta actividade formativa persegue a concienciación do sector sobre a importancia da rastrexabilidade como base do funcionamento dun sistema de seguridade alimentaria eficiente. Así mesmo, constitúe unha ferramenta que consolida un correcto aseguramento da orixe dun produto.

A rastrexabilidade é a capacidade de seguir un alimento ou substancia que se incorpora a un alimento ao longo de todas as súas etapas de produción, transformación e comercialización. A implementación de sistemas que aseguren esa trazabilidade da produción en todas as empresas que conforman a cadea do sector agroalimentario da Unión Europea constitúe un requisito legal dende o 1 de xaneiro de 2005 ao abeiro do Regulamento (CE) 178/2002.

Pero ademais dunha obriga legal, a implantación deste sistema serve para localizar un produto inseguro de forma rápida e eficaz, coa finalidade de evitar que se comercialice e chegue ao consumidor. Asemade, fai máis doado coñecer todos os datos do historial de produción: tratamentos recibidos, materias primas, resultados dos autocontrois, etc. Con todo isto está asegurado o éxito no caso de termos que pescudar na orixe do problema ou detectar a existencia doutros produtos potencialmente inseguros.

Se existe un alimento difícil de rastrexar, este é o viño. Na maioría dos casos o viño que contén unha botella ten unha orixe moi diversa en canto ás parcelas, variedades, métodos de elaboración, etc., polo que, cando unha adega inicia a implantación de sistemas de rastrexabilidade débese planear inicialmente cal é o mellor sistema.

Funcionamento da cadea de produción

O obxectivo desta xornada é obter unha idea xeral do funcionamento da cadea de produción do viño dende o viñedo ata o consumo; identificar o concepto de rastrexabilidade, os seus tipos e a relación coa calidade e a seguridade en sistemas como a análise de perigos e puntos de control crítico (Appcc) e, en derradeiro lugar, aprender a establecer unha sistemática da rastrexabilidade para as empresas: dende o viñedo ata o consumidor.

Os destinatarios son viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico de empresas vitivinícolas, de consellos reguladores, de oficinas comarcais agrarias, persoal investigador, estudantes. Con especial fincapé aos mozos/as de menos de 41 anos e os viticultores/adegueiros en activo, así como público en xeral.

25 de outubro de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.