publicidade hoxe

A Consellería do Mar investirá 37 millóns de euros ata 2020 na recuperación e mellora dos hábitats mariños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+

A Consellería do Mar investirá máis de 37 millóns de euros na recuperación e mellora dos hábitats mariños ata 2020. Así o trasladou a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro Rodríguez, na inauguración da xornada Seguimento do Plan de acción no marisqueo 2017, organizada pola Federación galega de confrarías de pescadores.

Así, a secretaria xeral explicou que con esa inversión búscase traballar na mellora da produtividade marisqueira e poder incorporar máis persoas á actividade, mantendo a biodiversidade e os ecosistemas costeiros.

Alí especificou que desa cantidade, catro millóns de euros destinaranse á rexeneración de 10 millóns de metros cadrados máis de bancos marisqueiros que perderon a súa capacidade ou potencialidade produtiva. Esta superficie viríase a sumar aos máis de oito millóns de metros cadrados de superficie recuperados entre o ano 2010 e 2015 a través do Plan de rexeneración de zonas improdutivas, no que a Xunta investiu preto de 5 millóns de euros.

Ademais, fixo referencia tamén a que desde o ano 2009 a Xunta veu traballando constantemente na creación de emprego no mar. Tanto é así que, recordou a secretaria xera, o ano pasado convocáronse case 290 permex e no que levamos deste ano 140 permisos. Ao tempo, Isabel Concheiro sinalou que, á marxe dos profesionais con licencia, a Xunta ten marcada como unha das súas prioridades a erradicación do furtivismo para sacar dos areais aquelas persoas que extraen sen autorización. En relación a este aspecto, recordou que desde 2009 puxéronse en marcha diferentes medidas coa finalidade de preservar os recursos mariños, evitar o fraude e garantir a salubridade dos produtos do mar.

Neste eido, lembrou que a Xunta reforzou a colaboración coas forzas e corpos de Seguridade do Estado e logrou que se reformase o Código Penal e que se incluíse nel o furtivismo reincidente como delito. Así, explicou que se logrou un endurecemento das sancións, contemplando penas privativas de liberdade ou traballos sociais para os furtivos.

Finalmente, a secretaria xeral animou ao sector a seguir traballando xuntos para mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar e tamén apelou ao traballo coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Fiscalía Superior de Galicia para facerlle fronte á actividade ilegal.

6 de outubro de 2017 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.