publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Medio Rural constata unha redución do 65% na captura de exemplares de couza guatemalteca da pataca no último ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presidiu esta mañá a xuntanza da Comisión técnica de seguimento da couza guatemalteca da pataca. Neste encontro fíxose balance das actuacións realizadas ata o de agora para facer fronte a esta praga e avanzouse nos traballos futuros.

Ao remate do encontro a directora xeral destacou a boa marcha destes labores e puxo como exemplo o dato de capturas de exemplares de couza, que se reduciu considerablemente, malia terse incrementado substancialmente o número de trampas, ata chegar a 1.027 dispositivos repartidos por toda Galicia, tanto dentro como fóra das zonas demarcadas. Así, o pasado ano recolléronse un total de 12.785 exemplares, mentres que no que vai de 2017 foron 4.465, o que supón unha redución superior ao 65%, que dá idea da eficacia destes traballos.

Na xuntanza de traballo desta comisión tamén se avaliou a pataca retirada. Os últimos datos sinalan que en total foron 365 toneladas as recollidas para a súa destrución, das cales arredor de 315 corresponden a explotacións de particulares e as 50 restantes a almacéns.

Indemnizacións

Ademais, a Comisión técnica debullou os datos de indemnizacións para os afectados pola praga. Ata o de agora, e unha vez que o pasado luns se pechou o prazo para reclamar estas subvencións, foron 1.376 as solicitudes recibidas. Actualmente xa foron abonados por este concepto algo máis de 90.000 euros, estando previsto acadar uns 200.000 ao remate do proceso. Foron 667 persoas as que xa recibiron ou están a punto de recibir o pago correspondente polas patacas, ben plantadas ou en almacéns, que tiveron que ser destruídas por esta praga.

Nesta reunión tamén se fixo un balance positivo dos controis levados a cabo para supervisar o movemento de patacas. Así, constatouse que no que vai de ano realizáronse arredor de medio cento de controis por parte da Policía Autonómica e a Garda Civil.
Por último, a comisión foi informada da intención da Consellería de reforzar a realización de accións conxuntas con Asturias para seguir facendo fronte a esta praga. Neste sentido, o vindeiro martes, día 17, está prevista unha nova xuntanza cos responsables de agricultura do Principado, con vistas sobre todo a intensificar os labores de control na zona fronteiriza entre ambas comunidades, en particular na provincia de Lugo, no que atinxe a Galicia.

11 de outubro de 2017 | 18:47 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario