publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Medio Ambiente recupera a contorna da igrexa de Oín en Rois para a integración veciñal e a mellora da seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRois
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recuperou a contorna da Igrexa de Oín, en Rois, co obxectivo de favorecer a integración veciñal e mellorar as condicións de seguridade viaria no lugar. Así o manifestou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, que esta mañá supervisou, xunto co rexedor local, Ramón Tojo, o remate dos traballos de urbanización e acondicionamento dos accesos ao templo e o cemiterio.

Así, as obras permitiron recuperar para o uso e goce dos veciños un espazo público de integración, que ademais garante a seguridade dos peóns e organiza o tráfico rodado mediante a correcta delimitación dos espazos para o tránsito das persoas e vehículos. Un investimento de máis de 60.000 euros que supuxeron, tamén, a urbanización e acondicionamento da zona a través dun novo alumeado e a canalización para a recollida de pluviais.

En definitiva, tal e como lle trasladou a conselleira ao rexedor municipal, este tipo de intervencións fomentan a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, que desde o ano 2010 posibilitou un investimento de preto de 40 millóns de euros na provincia da Coruña. Unha cantidade que serviu e serve para financiar 33 actuacións en 27 concellos desta provincia. As previsións para este último trimestre do ano é que se están a executar ou se executarán 15 actuacións en 15 concellos diferentes da Coruña por valor de preto de tres millóns.

Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recordou que a Xunta de Galicia persegue un triplo obxectivo a través do Plan Hurbe: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.

Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

24 de outubro de 2017 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.