publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación e Abanca colaborarán na formación do alumnado de formación profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na sinatura do convenio co Abanca

Román Rodríguez na sinatura do convenio co Abanca

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e Tatiana Suárez Cancelo, directora de RSC de ABANCA, asinaron hoxe un convenio marco para o desenvolvemento de actuacións en materia de emprendemento, educación financeira e formación profesional, así como a primeira addenda dirixida a concretar esta colaboración no ámbito da promoción da educación financeira entre o alumnado das familias profesionais de Comercio e márketing e de Administración e xestión, dos centros dependentes desta consellería e que se inicia cun proxecto de innovación no eido do comercio electrónico. A sinatura do acordo coincide coa celebración da Semana da Educación Financeira que promoven cada ano o Banco de España e a CNMV arredor do primeiro luns de outubro.

En concreto, a entidade bancaria desenvolverá programas de fomento da cultura emprendedora e da educación financeira entre o alumnado dos centros de ensino galegos. Así mesmo, o convenio marco recolle o establecemento dun programa de formación en centros de traballo (FCT) para que o alumnado de FP realice este módulo nas instalacións de ABANCA e contempla o impulso da FPDual, de tal forma que se valore a posta en funcionamento dun proxecto destas características en colaboración co banco, para o que se asinaría un convenio específico.

Asemade, o acordo marco establece que se promoverán actuacións conxuntas para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica, científica e didáctica nos centros que imparten FP, buscando a calidade e excelencia nestas ensinanzas; e que ABANCA poderá ceder a estes mesmos centros equipos axeitados para o seu uso nas clases prácticas.

No referido a profesorado e traballadores da entidade bancaria, poderanse organizar cursos ou seminarios para a actualización e complemento dos coñecementos dos docentes; e a Consellería estudará a posibilidade de acreditar a experiencia profesional dos traballadores da empresa dentro do Plan de recoñecemento da experiencia profesional que desenvolve a Consellería.

Comercio electrónico

A concreción deste convenio marco –que ten unha vixencia de 2 anos prorrogables- poderá realizarse a través da sinatura doutras addendas, das cales a primeira se asinou hoxe mesmo. Esta addenda enmárcase no fomento da educación financeira e no impulso de proxectos de innovación tecnolóxica, científica e didáctica nos centros que imparten FP

A través dela, ABANCA cederá Terminais Punto de Venda (TPV) físicos e dará acceso a unha plataforma TPV virtual, aos centros dependentes da consellería que impartan ensinanzas de FP, concretamente ciclos formativos das familias de Comercio e márketing e de Administración e xestión. A cesión deste material permitirá ao alumnado realizar prácticas nunha contorna real con operacións financeiras de cargo, cobro, devolucións, etc, exactamente iguais ás realizadas nas empresas e nos comercios reais.

Os TPV xa se poderán utilizar no proxecto de innovación Configuración dunha tenda de comercio electrónico con CRM Prestashop. Posicionamento na internet e outras accións de difusión. Elaboración de material didáctico sobre comercio electrónico para uso da aula nos módulos da familia de Comercio e márketing. Este proxecto foi premiado na convocatoria de Proxectos de Innovación na Formación Profesional 2017, e estase a desenvolver no IES Chan do Monte de Marín e no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.

A sinatura de ambos acordos encádrase na aposta que o departamento educativo da Xunta de Galicia está a facer por achegar a FP galega ás necesidades dos sectores produtivos, e que redundará en maiores oportunidades de crecemento para unhas empresas que están a recibir titulados de formación profesional altamente cualificados e inmersos na cultura da innovación.

No caso de ABANCA, esta colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permítelle avanzar nunha das súas liñas estratéxicas no ámbito da RSC: contribuír a mellorar os coñecementos financeiros da poboación estudantil e a fomentar a cultura emprendedora e a innovación social entre a mocidade, coincidindo coa celebración da Semana da Educación Financeira.

6 de outubro de 2017 | 13:38 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario