publicidade hoxe

A conselleira do Medio Rural: “O selo de calidade Vaca e Boi de Galicia mellorará a transparencia e o éxito comercial da nosa carne de vacún”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ángeles Vázquez na xornada sobre crecemento economicamente sustentable do vacún de carne. Foto: X. Crespo

Ángeles Vázquez na xornada sobre crecemento economicamente sustentable do vacún de carne. Foto: X. Crespo

“A creación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia significa un impulso para o sector agrogandeiro galego en xeral, xa que vai mellorar a transparencia comercial e aumentar as garantías que se lles ofrecen aos consumidores sobre estes produtos”. Así o sinalou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na clausura, este mediodía en Santiago, da xornada Como produciremos mañá? Crecemento economicamente sustentable do vacún de carne.

Neste foro, organizado pola Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (Asoprovac) e pola propia IXP Vaca e Boi, a conselleira destacou ademais a importancia deste selo de calidade para promover un uso correcto de termos como carne gallega, vaca gallega, buey gallego e outras semellantes no mercado. Trátase, dixo, de “aumentar as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto a calidade e orixe do produto”, algo que será posible, engadiu, grazas ao etiquetado diferenciado desta carne e ao seguimento da súa trazabilidade.

Esta IXP xa conta coa protección estatal, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial del Estado (BOE) da correspondente orde da Consellería do Medio Rural. Isto permite comercializar produto baixo este selo no ámbito nacional, á expensas dun recoñecemento europeo que ten boas perspectivas, segundo puido constatar a propia conselleira nunha recente viaxe a Bruxelas.

Neste acto, Ángeles Vázquez lembrou que o sector da carne de vacún na nosa comunidade ten un peso importante dentro de España, xa que Galicia ocupa o terceiro lugar, só superada por Cataluña e Castela e León, cunha produción que representa o 15% do total nacional. Ademais, incidiu, a nosa é a segunda autonomía en número de cabezas de gando, cun 16% do cómputo estatal. A maiores, destacou que “os datos indican que neste eido séguese mellorando” e así no año 2016 houbo en Galicia 126 incorporacións de mozos ao campo dentro da orientación produtiva de vacún de carne. Representan case o 20,4% do total dos incorporados e recibiron unha axuda global de 4,5 millóns de euros.

Nesta mesma liña, Ángeles Vázquez sinalou que xa neste 2017 un total de 25 empresas do sector solicitaron en Galicia axudas da Consellería do Medio Rural para transformación e comercialización de produtos cárnicos, para investir preto de 19 millóns de euros.

Calidade e valor culinario

A conselleira salientou que a nosa comunidade “conta cunha diversidade climática que, xunto coa presenza de solos tamén diversos, deron lugar a unha rica materia prima de gran calidade e valor culinario”. Neste contexto situou as 31 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas coas que conta Galicia, que se converte así –dixo– nunha das autonomías españolas con maior número deste tipo de selos de calidade diferenciada. E remarcou esta idea con datos como os 30.000 produtores e case 900 industrias que implican estas denominacións e indicacións, cun valor da produción certificada que rolda os 350 millóns de euros.

5 de outubro de 2017 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.