publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A aprobación da segunda fase da Estratexia da paisaxe permitirá consolidar un novo modelo de xestión do territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da segunda fase da Estratexia da paisaxe galega 2017-2020 que permitirá consolidar un novo modelo de xestión do territorio e potenciar os valores paisaxísticos.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que esta estratexia contará con catro obxectivos fundamentais: lograr que todas as administracións inclúan a gobernanza da paisaxe nas súas prioridades; dotar de instrumentos concretos que faciliten a xestión da mesma; mellorar e potenciar os valores paisaxísticos e insistir na formación e a divulgación e concienciación sobre a paisaxe.

Para mellorar a gobernanza da paisaxe galega, o presidente da Xunta subliñou que o prioritario será aprobar definitivamente as Directrices da Paisaxe, así como o desenvolvemento regulamentario da Lei de Protección da Paisaxe, co obxectivo, entre outros de fixar un procedemento para poder revisar, actualizar ou modificar o Catálogo e as Directrices da paisaxe.

Unha vez aprobados o Catálogo e as Directrices de paisaxe, os dous instrumentos integrais de protección, xestión e ordenación da paisaxe, a nova planificación para o período 2017-2020 contempla o inicio da aplicación dos instrumentos de xestión da paisaxe que quedan por implementar: os plans de acción da paisaxe, a promoción dos primeiros pactos pola paisaxe e a creación do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, como instrumentos que contribúan a acadar unha mellor gobernanza da paisaxe galega.

Instrumentos de xestión, potenciación dos valores da paisaxe e formación

A estratexia contempla igualmente instrumentos máis concretos para poder facer realidade a súa protección e aproveitamento. Con este fin darase continuidade á Colección Paisaxe Galega, sendo as novas guías previstas: a Guía de boas prácticas para as actividades mineiras e extractivas, a Guía para a elaboración de estudos da paisaxe urbana –xa licitada- e a Guía de boas prácticas paisaxísticas no sector forestal.

Igualmente, porase en marcha un Plan de seguimento dos obxectivos de calidade paisaxística e constituiranse, ademais, Mesas da paisaxe co fin de crear foros nos que teñan cabida todos os axentes vinculados á paisaxe.

Co obxectivo de potenciar os valores da paisaxe, a estratexia recolle tamén as diferentes actuacións sectoriais do goberno previstas para este período que redundarán nunha mellora da paisaxe urbana: Plan HURBE; Lei de rehabilitación e renovación urbana; axudas para rehabilitación; Plan de sendas de Galicia; plans reitores de uso e xestión dos parques naturais e do parque nacional; declaración de paisaxes culturais; así como a potenciación dos lugares de especial interese paisaxístico, a través da posta en valor dos miradoiros de interese turístico e da creación da Rede de itinerarios de interese paisaxístico.

No tocante á formación e sensibilización, Feijóo referiuse a iniciativas como o grao interuniversitario de paisaxe, que comezará a impartirse o próximo ano; a creación dunha web e repositorio da Paisaxe Galega; ou a convocatoria de concursos sobre a paisaxe.

11 de outubro de 2017 | 18:55 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario