publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Uns 90 establecementos de turismo rural das catro provincias participarán na 11ª edición do ‘Outono gastronómico’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Nava Castro na presentación da XI edición de "Outono Gastronómico"

Nava Castro na presentación da XI edición de “Outono Gastronómico”

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a 11ª edición do Outono Gastronómico, a exitosa proposta de turismo rural que se celebra do 15 de setembro ao 17 de decembro na nosa Comunidade. Preto de 90 establecementos das catro provincias forman parte desta consolidada iniciativa, na que se combinan restauración e aloxamento con modalidades e prezos moi atractivos.

“Cando un proxecto se mantén ao longo de 11 edicións é, sen dúbida, polo seu éxito e a súa aceptación entre a xente”, afirmou Nava Castro, que lembrou que o Outono Gastronómico é “unha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar de paisaxes e comarcas que aínda non coñezan”.

Os establecementos participantes ofrecerán dos menús diferentes, con produtos galegos de recoñecida calidade, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Ademais, co fin de adaptarse aos gustos e ás necesidades dos diferentes tipos de viaxeiros, propóñense as modalidades Menú Outono Gastronómico sen pernoitar, Paquete Outono Gastronómico para unha noite, Fin de semana Outono Gastronómico para dúas noites e Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos. Todas as opcións ofértanse tanto en habitación dobre como en individual, e con tarifas que oscilan entre os 30 e os 300 euros.

En parella, familia ou con amigos

Nesta edición participan no Outono Gastronómico 26 establecementos de Pontevedra, 22 da Coruña, 21 de Ourense e 20 de Lugo, preparados para recibir novos viaxeiros que se sumen aos preto de 57.000 que xa viviron a experiencia na súa primeira década en marcha. Só na pasada edición, rexistráronse 4.000 persoas en parella, familia ou con amigos, que puideron comprobar por que o Outono Gastronómico recibiu na Feira Internacional do Turismo (Fitur) de 2016 o Premio ao Mellor Produto de Turismo Activo Nacional en Enogastronomía.

Nava Castro subliñou que esta proposta permite “durmir en edificacións con moito encanto e historia, situadas en paraxes tranquilos onde desconectar da rutina”. Os interesados nela poderán atopar completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo, nos propios establecementos e noutros espazos de interese. Tamén a través das redes sociais, nas que haberá concursos con estancias como agasallo, ou na páxina web turismo.gal, que dispón do apartado outonogastronomico2017.com con todos os detalles.

O Outono Gastronómico contribúe a afondar na liña de desestacionalización da demanda turística, tal e como se fixa na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento acordado entre a Xunta e o sector que recolle os compromisos, retos e as oportunidades neste eido. Nava Castro sinalou que é una Estratexia “onde o incremento no número de turistas vén da man do incremento da calidade do noso destino, da sustentabilidade e dos nosos mellores recursos”. Esta folla de ruta está a dar os seus froitos tamén no turismo rural, pois nos sete primeiros meses deste ano medrou máis dun 7% segundo os datos do Instituto Nacional da Estatística (INE). Ademais, na temporada estival a ocupación acadou o 60% en agosto. Así o indica a sondaxe feita co sector e que foi presentada onte no Consello da Xunta.

Máis iniciativas para os meses de outono

Na recta final do verán, Turismo de Galicia está a impulsar produtos e iniciativas para os próximos meses. Ademais do Outono Gastronómico, xa foron presentados tamén o certame De tapas por Galicia, a campaña coas DO vitivinícolas 5 galegas en Madrid e París, a ruta gastronómica nas fins de semana nos concellos do Camiño Francés na Coruña e Lugo ou a colaboración co Roadshow Enoturismo Galicia, aos que pronto se engadirán máis anuncios.

8 de setembro de 2017 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.