publicidade hoxe

Unha trintena de profesionais asisten ao curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade, organizado polo CPETIG e a Amtega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

Un grupo de 30 profesionais asistirá a partir de mañá ao curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade, ENS, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

O curso, que será impartido por Juan Luis García Rambla e Diego Cordero, de Sidertia, está estruturado en catro sesións que terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de setembro no GH Los Abetos, de Santiago de Compostela. Capacitará ás persoas asistentes para levar a cabo as auditorías previstas no marco do RD 3/2010 de implementación do ENS no ámbito da Administración pública. O ENS está deseñado para garantir o acceso, integridade, dispoñibilidade, autenticidade, confidencialidade, trazabilidade e conservación dos datos e informacións utilizadas en medios electrónicos xestionados polas administracións públicas no exercicio das súas competencias.

A trintena de profesionais participantes sairán cualificados para realizar as auditorías establecidas no citado real decreto, que deben levarse a cabo ao menos cada dous anos, dirixidas a asegurar o cumprimento do ENS. O informe de auditoría debe ditaminar sobre o grao de cumprimento, identificar deficiencias e suxerir as posibles medidas correctoras ou complementarias necesarias, así como as recomendacións que se consideren oportunas.

Os contidos teóricos do curso estarán centrados nos fundamentos da implementación do ENS e nas medidas para cada un dos marcos que constitúen a norma de seguridade, estando complementados con sesións prácticas de revisión das medidas aplicables e da súa adecuación para o nivel establecido.

21 de setembro de 2017 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.