publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha app axilizará as autorizacións de acceso ao Monumento Natural das Catedrais, que este verán recibiu 245.000 visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada dereitaRibadeo
A-
A+

A Xunta de Galicia porá en marcha unha ‘app’ para axilizar as autorizacións de acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais. Así o anunciou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, durante a súa visita, xunto co delegado provincial en Lugo, José Manuel Balseiro, a este enclave que, desde o 20 de xaneiro do 2005 goza desta consideración de Monumento Natural, ademais das tres figuras de protección que garanten a preservación dos seus valores naturais.

Así, a representante da Consellería de Medio Ambiente avanzou que a aplicación móbil estará dispoñible a partir da próxima Semana Santa e permitirá aos usuarios solicitar, desde o seu propio terminal, o permiso correspondente para visitar o areal e descargar o código QR identificativo, que deberá presentar nos controis de acceso. Desta maneira, dixo a directora xeral, “poñemos ao alcance do cidadán un recurso rápido e cómodo e damos continuidade ao Plan de Conservación elaborado pola Xunta de Galicia para equilibrar a protección do enclave e facilitar a afluencia”.

Cómpre lembrar que un dos aspectos máis importantes da normativa deste Plan é a regulación do uso público, polo que se fixa unha limitación diaria de persoas de 4.812 nos períodos de máxima afluencia, isto é, meses de xullo, agosto, setembro e Semana Santa. Este límite establécese, por tanto, en aras da conservación deste espazo incluído na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, ademais de ser un Lugar de Interese Xeolóxico.

 Un 23 por cento máis de visitantes

Ademais, a representante da Consellería de Medio Ambiente sinalou que estas medidas van en consonancia co aumento progresivo de visitantes, que durante este verán supuxeron un 23 por cento máis con respecto ao mesmo período en 2016. En total, durante os pasados meses de xullo e agosto, 245.000 persoas coñeceron o Monumento Natural da Praia das Catedrais, que contrastan coas 198.000 que visitaron este enclave no mesmo período en 2016. Xa o ano pasado, se rexistrou un aumento do 20 por cento en relación ao 2015, cando se contabilizaron 165.214 visitas.

Do mesmo xeito, cómpre destacar que durante os meses de xullo e agosto completouse o cota de visitantes establecido en 38 ocasións, 9 en xullo e 29 en agosto, o que significa que, neste último mes, esgotouse o límite todos os días, agás un. Estes datos contrastan cos do ano pasado, cando se acadou o número máximo de visitantes en 29 días (3 en xullo e 26 en agosto), e cos do 2015 con 14 días no mes de agosto de máximo establecido.

En canto á procedencia dos visitantes, a directora xeral destacou o feito de que cada vez son máis as persoas estranxeiras as que coñecen este enclave -case un 10 por cento en 2017, un 7 por cento en 2016 e un 4 por cento en 2015-, aínda que, maioritariamente, proceden doutros Comunidades españolas, sendo a madrileña a que máis visitantes achega, seguida de Barcelona, Valencia, Andalucía e Asturias.

Perfil tipo do visitante

Igualmente, as últimas melloras introducidas na páxina web, a través da cal se poden expedir as autorizacións de acceso, permitiron coñecer algo máis das persoas que visitan as Catedrais elaborar un perfil tipo de visitante, que indica que, maioritariamente son mulleres de nacionalidade española cunha idade comprendida entre os 46 e 65 anos, aínda que tamén destacan as persoas de entre 19 e 29 anos, que supoñen case o 30 por cento do total de visitantes.

Talleres en setembro

Por outra banda, Ana Díaz anunciou a celebración durante este mes de setembro de tres talleres dirixidos a escolares da zona de entre 6 e 12 anos para abordar as sinerxías que se producen entre a xeoloxía e o medio ambiente e entre as enerxías renovables e a reciclaxe. A directora xeral asegurou que esta actividade responde á aposta da Consellería de Medio Ambiente polo coñecemento como un dos principais motores para xerar recoñecemento e respecto polos espazos naturais.

8 de setembro de 2017 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.