publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de nove equipos participarán no 12º Torneo “Octopus Hockey Festival”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Presentación do torneo

Presentación do torneo

O torneo OHF “Octopus Hockey Festival” chega a súa duodécima edición como torneo internacional de veteranos de Hockey herba, con nove equipos inscritos, seis masculinos (+35 anos) procedentes de Portugal, Holanda, Madrid, Vigo e Ourense, e tres femininos (+30 anos) de Ourense, A Coruña e Madrid. A presentación desta cita deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o vicepresidente, o vogal e o secretario do Club Deportivo Open, Alberto Estévez, Francisco Masid e Javier Valencia, respectivamente.

O vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que ao longo destas doce edicións do torneo, “pasaron por el máis de 100 equipos masculinos e femininos procedentes de toda Europa: Alemaña, Holanda , Portugal, Escocia, Irlanda, Inglaterra, así como incluso de outros lugares como Dubai, xunto cun equipos de gran relevancia no hockey español”. Asemade Rosendo Fernández sinalou que Ourense é “un marco único para acoller esta competición á que, en numerosas ocasións, os participantes repiten”.

Pola súa parte, Mario Guede dixo que a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense “colaboran non só na mellora das infraestruturas deportivas, senón tamén na actividade dos nosos clubs, que organizan eventos desta índole que son un impulso turístico para Ourense”.

O torneo, organizado polo Club Deportivo Open, comezará o venres, 8 de setembro, coa recepción aos equipos. A competición dará comezo ao día seguinte nas instalacións de Mariñamansa, a cal rematará cunha cea oficial. O domingo, 10 de setembro, celebrarase a parte da clasificación do torneo que concluirá coa entrega de trofeos e o “xantar tradicional” nas propias instalacións deportivas, explicou Alberto Estévez.

Francisco Masid fixo un repaso pola historia deste torneo que “naceu hai doce anos cando un grupo de alemáns quixeron vir xogar aquí un partido, así que organizamos un fin de semana de hockey entre dous equipos. A partir de aí, decidimos consolidalo e darlle apertura a máis equipos”. O Club Deportivo Open “ten unha saída ao ano a un campamento europeo polo que temos recorrido gran parte da xeografía europea e isto contribúe a que a xente nos devolva a visita”, puntualizou o vogal do Club Deportivo Open.

6 de setembro de 2017 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.