publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 24 auxiliares estadounidenses de alto nivel académico prestarán o seu apoio no ensino galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez dá  a benvida aos novos auxiliares de conversa

Román Rodríguez dá a benvida aos novos auxiliares de conversa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida na Cidade da Cultura de Galicia aos 24 auxiliares de conversa estadounidenses que prestarán o seu apoio en centros de ensino da nosa Comunidade ao longo de todo o presente escolar. Trátase de persoas con estudos superiores que poden axudar ao fomento das vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), así como á competitividade futura do alumnado nestes eidos, nos que o dominio da lingua inglesa é fundamental.

Román Rodríguez deulles a benvida e agradeceulles de antemán a súa colaboración para a mellora do sistema educativo galego así como, en concreto, para o desenvolvemento da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020. Asemade, o conselleiro agradeceu o labor que o profesorado galego realiza para facer fronte a este desafío do século XXI que é a necesidade de formarse en diferentes idiomas desde as idades máis temperás, e que os docentes están a afrontar a través da mellora da formación propia.

Os auxiliares de conversa que recibiron hoxe a benvida prestarán servizo en centros educativos das catro provincias galegas. Deste xeito, contarán con este apoio na provincia da Coruña os IES Plurilingües Eusebio da Guarda, Rafael Dieste, Elviña, Adormideras (os catro na Coruña); os IES Rafael Puga Ramón (tamén na cidade herculina) Campo de San Alberto (Noia), Félix Muriel (Rianxo), os IES Plurilingües Xosé Neira Vilas (Oleiros), Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e de Ames; o CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol).

Na cidade de Lugo contará cun destes auxiliares o CIFP As Mercedes, mentres que na cidade de Ourense prestarán apoio nos IES Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo, O Couto e As Lagoas.

Por último, na provincia de Pontevedra haberá auxiliares Fulbright nos IES Ricardo Mella, República Oriental do Uruguai e Valadares (os tres en Vigo); os IES Antón Losada Diéguez e Manuel García Barros (ambos na Estrada); o IES A Xunqueira I (Pontevedra) e o CPI de Nigrán.

Segundo o establecido no acordo, a propia Comisión faise cargo do proceso de preparación e difusión da convocatoria e da preselección das persoas auxiliares de conversa, segundo os criterios de obxectividade, calidade e independencia que rexen os seus programas; e encargase do seguimento do programa e da xestión do aboamento das compensacións mensuais ás persoas bolseiras, así como da organización dos seminarios de orientación e seminario de seguimento e evolución que se realiza para todas as persoas bolseiras Fulbright estadounidenses en España.

550 auxiliares

A incorporación destas persoas ao sistema educativo galego enmárcase na nova Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. Non en balde, este curso 83 centros educativos introducen o plurilingüismo en Infantil, catro fano en Bacharelato e por primeira vez haberá 12 ciclos formativos plurilingües en sete centros educativos.

Asemade, o número total de centros plurilingües incrementouse este curso ata os 322. Neles, en centros con seccións bilingües e escolas oficiais de idiomas, prestan apoio os 550 auxiliares de conversa cos que conta este ano Galicia, e que a sitúan á nosa Comunidade como a segunda en ratio de auxiliares por profesor de todo o Estado.

18 de setembro de 2017 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.