publicidade hoxe

Román Rodríguez reitera a aposta da Xunta pola educación dixital na súa visita ao IES Xunqueira II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao IES Xunqueira II

Román Rodríguez na visita ao IES Xunqueira II

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou hoxe en Pontevedra a aposta do Goberno galego polo impulso dos coñecementos científico-tecnolóxicos nas aulas, cuxas accións específicas quedan recollidas na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, que vén de presentarse hai uns días.

Así o explicou durante a súa visita ao IES Xunqueira II, un centro que vén de incorporar neste curso o libro dixital (e-dixgal) en 1º de ESO; e cuxos alumnos xa desde o pasado curso están traballando nas aulas con kits de robótica, programación e impresión 3D. Segundo Román Rodríguez, este material -que se distribuíu a todos os Institutos e CPI de Galicia- non está pensado unicamente para as materias de tecnoloxía, senón que permite un traballo integrado e interdisciplinar con outras materias como poden ser as matemáticas, a física ou a química.

O conselleiro subliñou a importancia de dar resposta aos desafíos educativos do futuro, o que esixe poñer a disposición dos alumnos, e tamén dos docentes, ferramentas que lles sirvan para desenvolverse nun escenario onde as competencias dixitais xogan un papel esencial.

Precisamente para facer fronte a estes novos retos de futuro nace Edudixital 2020, a Estratexia galega para a educación dixital coa que a Xunta busca impulsar o proxecto e-dixgal e os coñecementos científico-tecnolóxicos (coñecementos STEM, Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado. O dobre obxectivo final é que, dunha banda, todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2021; e doutra banda, rachar coa fenda de xénero nos estudos STEM.

Accións específicas

Edudixital 2020 contempla unha serie de iniciativas entre as que se inclúe a ampliación dos kits de robótica –coma os que hai neste IES- ao resto de centros de educación primaria; a posta en marcha do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía; o desenvolvemento de Espazos maker nos centros como lugares nos que poñer en práctica pequenos experimentos científicos; o fomento da formación dos alumnos en estadías científicas fóra do centro educativo; e sobre todo a aposta pola formación específica dos docentes neste ámbito cun ambicioso plan de 10.000 prazas formativas.

A Estratexia –que parte dunha dotación superior aos 50 millóns de euros- está estruturada en 4 eixes de actuación que abranguen centros educativos, alumnado, profesorado, familias e sociedade civil.

Na súa visita ao IES Xunqueira II, o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

20 de setembro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.