publicidade hoxe

Román Rodríguez aposta polo fortalecemento dun modelo de universidade que beneficia a Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Román Rodríguez na inauguración das Xornadas de Xerencia Universitaria da UVigo

Román Rodríguez na inauguración das Xornadas de Xerencia Universitaria da UVigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración das XXXV edición das Xornadas de Xerencia Universitaria da Universidade de Vigo, que se celebran ata o vindeiro día 22 na cidade da oliveira. Durante a súa intervención, o conselleiro apostou por seguir avanzando no modelo de universidade que se está a construír neste momento, “unha Universidade forte que beneficia aos profesores, aos alumnos pero, sobre todo, á sociedade civil e aos sectores produtivos en definitiva, beneficia a Galicia”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que a universidade galega, que aspira a situarse na vangarda europea, ten que adaptarse ás demandas da sociedade, xa que está ao seu servizo. Neste sentido, indicou que a función desta institución supera a de transmisora de coñecemento para ser un referente na innovación, na creación de valor e na sostenibilidade.

Román Rodríguez salientou o papel da Administración educativa neste fortalecemento da universidade. Non en balde, o reto máis inmediato no que se está traballando é o establecemento do mapa de titulacións para o período 2018-2020, que se asenta sobre catro principios, nomeadamente posibilitar o acceso da universidade galega a novos títulos de graos e máster vinculados coa estratexia de especialización dos campus, determinar as titulacións singulares, redefinir e fusionar as ofertas multiplicadas e, por último, fomentar a oferta de títulos interuniversitarios nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

A este respecto o conselleiro lembrou que a oferta académica debe adaptarse ás demandas da sociedade, tomando en consideración factores como a empregabilidade, as necesidade dos sectores produtivos e a colaboración entre as propias universidades, sempre co obxectivo final de aumentar o progreso social e económico do país.

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que xa se está a traballar nun plan de excelencia universitaria que permita, entre outras cousas, recoñecer o esforzo, a calidade e incrementar a internacionalización do sistema, sobre a folla de ruta que se está a trazar neste momento.

No acto de inauguración participaron o reitor da UVigo, Salustiano Mato; o presidente do Consello Social desta universidade, Ernesto Pedrosa, o xerente da Universidade de Lleida, Josep María Sentís Suñé; e o xerente da UVigo, Manuel Fernández, entre outras autoridades. Así mesmo, asistiu o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Estratexias de futuro

As XXXV Xornadas de Xerencia Universitaria celébranse na UVigo baixo o lema Retos na xestión dos recursos nas Universidade, desenvolvemento de estratexias de futuro e co obxectivo de intercambiar opinións e criterios de xestión.

Entre outros asuntos, o programa de traballo abordará a análise de estratexias de futuro no financiamento universitario, a xestión dos recursos dispoñibles, a profesionalización da dirección, os retos na xestión da administración electrónica e a investigación e transferencia de coñecemento.

20 de setembro de 2017 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.