publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Portos de Galicia impulsa a captación de clientes británicos no salón ‘Southampton Boat Show’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

Portos de Galicia está a traballar na captación de novos clientes náuticos no mercado británico para as instalacións náutico recreativas galegas. Con este obxectivo, o ente público está presente estes días no salón Southampton Boat, en dita localidade inglesa, onde promociona a oferta da nosa comunidade e coordina a presenza doutras entidades náuticas e institucións galegas.

Dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar, o ente está a establecer contactos comerciais con empresas e asociacións estranxeiras. Unha vez establecidos contactos comerciais con asociacións e empresas de países como Francia, Alemaña e Irlanda, Portos pretende agora afondar no mercado británico coa participación por primeira vez no salón de Southampton.

Neste marco, o presidente de Portos de Galicia acompaña aos representantes de clubes náuticos galegos e outras administracións na promoción das súas instalacións. Así, estase a resaltar o potencial dos portos deportivos de Boiro, a través da presenza tamén do alcalde do municipio; e de Combarro (Poio), Baiona, Muxía, por medio dos seus xestores que se atopan tamén presentes na feira.

Na celebración do salón naútico, o presidente do ente público está a afondar na apertura de novos mercados no ámbito da náutica recreativa a través de entrevistas con entidades de navegantes inglesas e asociacións de expertos dos sector. Así mesmo, esta mañá realizou unha presentación do programa Cruceiros Costeiros que organiza viaxes en embarcacións de pequenas dimensións polo interior das rías galegas.

18 de setembro de 2017 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.