publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os caixeiros Ticpesc instalados no litoral galego emitiron 300.000 documentos da actividade pesqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaViveiro
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Celeiro, no concello de Viveiro, que desde a implantación dos caixeiros Ticpesc, no ano 2010, estes terminais instalados en diversos puntos do litoral galego, emitiron máis de 300.000 documentos relacionados coa actividade diaria da pesca, da acuicultura e da primeira venda.

Sinalouno no marco dunha visita á confraría de pescadores, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez e onde puido comprobar de primeira man o funcionamento do Ticpesc desta zona. Alí, Rosa Quintana puxo en valor o servizo que prestan os 58 caixeiros que hai en Galicia, xa que permiten emitir documentos durante as 24 horas dos 365 días do ano, explicou.

De feito, engadiu a titular de Mar, o ano pasado emitíronse nestes caixeiros máis de 62.000 documentos. Unha cifra, sinalou, que aumentou progresivamente dende o ano 2010 debido ao incremento dos terminais e á incorporación de usuarios. Así, pasáronse de máis de 5.000 documentos emitidos e dos preto de 500 usuarios do 2010 a máis de 62.000 documentos emitidos e case 4.000 usuarios do ano 2016.

Entre os documentos que pode obter o sector a través destes caixeiros, están os de transporte, que amparan este proceso desde o porto de descarga ata a lonxa, se esta se atopa nun lugar distinto ao de descarga. Tamén os documentos de alternancia de artes, para declarar a arte despachada polo buque para o exercicio da actividade pesqueira. Ademais, nos terminais tamén se emiten documentos de orixe, para declarar o establecemento no que se van desenvolver as tarefas de recolección, así como para verificar a súa situación sanitaria. Outros documentos que se obteñen nos Ticpesc son os de rexistro para trasladar os moluscos bivalvos desde o porto onde se realiza a descarga ata a depuradora, o centro de expedición ou a industria de transformación.

Destes documentos, expuxo Rosa Quintana, os que máis se emiten nos terminais son os relacionados cos de actividade extractiva, sendo preto dun 45% de transporte e un 35% de alternancia. Ademais salientou que grazas as novas tecnoloxías que albergan os Ticpesc facilítanse as xestións da actividade diaria dos profesionais do mar, axilízase o labor sobre a documentación dos produtos do mar e a información que debe darse ao consumidor e aos diferentes axentes da comercialización pesqueira. Tamén axuda a asegurar e diferenciar a calidade, seguridade alimentaria e a sustentabilidade dos produtos pesqueiros de Galicia.

Descrición dos terminais

Os terminais instalados son uns dispositivos que poden ser de estrutura encastrable ou de tipo tótem, situados no exterior. No seu interior levan un equipo informático de última xeración e deseñado exclusivamente para tal fin, monitor táctil de 17”, teclado de aceiro e rato tipo trackball, elementos de accesibilidade aos menús das aplicacións informáticas e sistema de lectura de tarxetas de recoñecemento dos usuarios. Todos estes sistemas están dotados de elementos que permiten a comunicación en liña a través das redes de comunicación existentes (ADSL, redes dixitais inalámbricas ou outros sistemas).

A accesibilidade ás aplicacións pode ser mediante o emprego do DNI-electrónico, pero para aqueles usuarios que non dispoñan desta acreditación, a Consellería do Mar facilitaralles unhas tarxetas electrónicas específicas.

Reunión na confraría e visita ao porto

Tras a visita á confraría, a conselleira do Mar manterá unha xuntanza cos seus representantes para coñecer de primeira man as súas necesidades. Despois, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitará as obras realizadas por este organismo no porto de Celeiro.

5 de setembro de 2017 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.