publicidade hoxe

O Teatro Colón inicia tempada co escenario aberto á creatividade galega e iniciativas sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

Máis de cen xornadas de actividades é a oferta da nova tempada do Teatro Colón que presentou a nova programación en que destaca o apoio á industria cultural galega e as portas abertas a entidades sociais para as súas iniciativas. A homenaxe a Violeta Parra no centenario e a presentación de Uxía-o, o novo disco de Uxía sobre poemas de Novoneyra, son algúns dos primeiros espectáculos.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e o coordinador do Teatro Colón, Xosé Aldea, presentaron a programación da nova temporada de espectáculos que ofrecerá máis de cen xornadas de actividade nesta nova etapa en que a responsabilidade da programación é da Deputación da Coruña.

“A nova programación iniciouse xa a fins de xuño e en total teremos máis de cen actividades, cumprindo o que era o obxectivo, que o Teatro Colón non mantivese pechadas as súas portas e que se programase de maneira ininterrompida”, sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención en que destacou tamén que, de aquí a fin de ano, agás a de Noiteboa, todas as fins de semana se ofrecerán espectáculos no Colón.

A vicepresidenta da Deputación cualificou a programación presentada como “moi variada” e que responde a dous obxectivos fundamentais “por un lado, potenciar a industria cultural galega e, pola outra, servir como ferramenta para que as entidades sen ánimo de lucro poidan utilizar este espazo para as súas propostas”.

Neste sentido, adiantou as principais citas dos seis ciclos en que se divide a nova programación do Teatro Colón, entre os que destacou a novidade das “Matinais” que ofrecerán os domingos á mañá espectáculos para crianzas, co fin de “contribuír a crear novos públicos para o teatro, un dos obxectivos que debe cumprir un centro como este”. Compañías como Berrobambán, María Fumaça, Teatro do Noroeste ou Magín Blanco actuarán neste espazo que convocará o público familiar os domingos ás mañás. Nese sentido, fixo tamén fincapé na continuidade do programa dirixido ao alumnado dos centros de ensino polo que pasarán arredor de 5.000 escolares con catro funcións que, como Elisa e Marcela da Panadaría, Animais de compañía de Teatro do Noroeste, Fillos do Sol de Fiot Carballo & Contraproducións e A Cabeza do Dragón de Poducións excéntricas que afondan no fomento de valores de diversidade. O cinema volverá tamén á pantalla do Colón co mellor de dous festivais de referencia, o Curtocircuíto e Cineuropa.

“Conexións Colón” será o exemplo claro das “portas abertas” do Colón ás propostas de entidades e asociación como mostra “da unión coa sociedade e o apoio continuado a entidades sociais e culturais que desenvolven un papel fundamental e poden aquí mostrar as súas propostas”, dixo Goretti Sanmartín dun ciclo que aproveitarán iniciativas que van desde a Mesa pola Normalización Lingüística até a Cociña Económica da Coruña ou a ONCE Galicia.

A Deputación na Escena

Tres proxectos de produción propia da Deputación da Coruña subirán tamén ao escenario do Teatro Colón. En primeiro lugar, o día 20 de outubro, o escenario acollerá cativas e cativos na final do concurso Quero Cantar. O 11 de novembro o Colón será o escenario da primeira homenaxe nacional ao poeta Paco Souto, Atesourando a Palabra e o 24 de novembro a canción Hemisferio, que convocou artistas como Pilocha, Alba María, Belem Tajes, Ugia Pedreira, Silvia Penide, Sonia Lebedinsky e Carmen Rey, converterase en espectáculo.

O coordinador do Teatro Colón, Xosé Aldea, fixo fincapé nos primeiros pratos fortes da programación, a comezar coa homenaxe a Violeta Parra con motivo do seu centenario coa súa neta Tita Parra xunto con Rosa Cedrón, Uxía e Martirio e a presentación do novo disco de Uxía sobre poemas de Uxío Novoneyra. Ademais, adiantou a cita co Menú da noite de Carlos Blanco e Luís Davila. Xosé Aldea destacou tamén as Matinais como a “grande aposta dos domingos para a formación de públicos ademais do programa “Conexión” que fai do Colón un teatro inclusivo que ten na cabeza públicos con necesidades especiais e capacidades diferentes con función pensadas, deseñadas e coordinadas por estes colectivos”.

Ciclos do Teatro Colón

Matinais: Música, monicreques, teatro e outras formas de expresión artística, sempre coa calidade por bandeira. Programación escénica e musical galega para o público familiar os domingos pola mañá. Con espectáculos como Xurdefet de Berrobambán, Aire de María Fumaça, Animais de Compañía de Teatro do Noroeste, o musical de Gallaecia Gallaeciños, As aventuras de Gale de A xanela do Maxín ou O camiño dos paxaros de Magín Blanco.

Programa escolar: Reforzamos o programa escolar de artes escénicas para o alumnado de primaria e secundaria de toda a provincia. Convidámosvos a participar dunha oferta escénica con contidos vinculados ao traballo en valores, a cohesión social e o respecto á diversidade. Polo ciclo pasarán máis de 5.000 escolares para asistir a obras como Elisa e Marcela de A Panadaría, Animais de compañía de Teatro do Noroeste, Fillos do Sol de Fiot Carballo&Contraproducións ou A Cabeza do Dragón, de Producións excéntricas.

Colón a escena!: O ciclo da programación escénica e musical coa que a Deputación da Coruña quere apoiar as propostas máis vivas e interesantes do teatro e da música galega e , como non, achegar ao noso escenario diferentes propostas de calidade doutras culturas. Xa o día 25 abrirase o ciclo coa Homenaxe a Violeta Parra, espectáculo musical coa participación da neta da cantora, Tita Parra, Martirio, Uxía e Rosa Cedrón, o día 30 o Colón acollerá a estrea de Uxía_o, o traballo de Uxía sobre poemas de Uxío Novoneyra. Menú de noite de Carlos Blanco e Luís Davila, Fillos do Sol de Contraprodución&Fiot Carballo, Gallaecia all star da Orquestra de Jazz, O Lago dos Cisnes polo Ballet de Moscú, A Cabeza do Dragón de Produccións Excéntricas, Mensaxe do Mar de Fantoches Baj e O Poder do Arcabuz de Quique Peón forman parte deste espazo que conmemora o 30 aniversario do Teatro Galego cos as compañías Chévere e Teatro do Noroeste.

Cinema Colón: O Colón lembra as súas orixes como teatro, marcadas pola exhibición de filmes emblemáticos, cunha selección das mellores cintas proxectadas en dous dos mellores e máis exitosos festivais audiovisuais da provincia: Curtocircuíto e Cineuropa.

Conexións Colón: O Teatro Colón ábrese á cidadanía e a diferentes entidades sen ánimo de lucro da provincia, co obxectivo de que poidan promover actividades culturais desde perspectivas cívicas para a mellora social e cultural. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística até a Escola Municipal de Música da Coruña pasando polo Consello Evanxélico, Amigos da Ópera, Asociación de Gaiteir@s Gale@s, Asociación Cultural Zalaeta, Coral Polifónica Follas Novas, A. C. E Musical Cantabile, Fundación Terra de Homes Galicia, ONCE Galicia, Cociña Económica ou Orquestra e Coro Gaos atoparon o Teatro Colón aberto para as súas propostas artísticas.

Producións DAC-CULTURA: Iniciativas e proxectos de produción propia do Teatro Colón e a área de Cultura da Deputación da Coruña, centradas na divulgación social de efemérides, figuras ou temáticas de especial interese para o campo social e cultural galego. A gala final do concurso de música infantil Quero Cantar,o espectáculo musical Hemisferios. Mulleres e Voces, con Pilocha, Alba María, Belem Tajes, Ugia Pedreira, Silvia Penide, Sonia Lebedinsky e Carmen Rey ou a primeira homenaxe nacional a Paco Souto, Atesourando a Palabra son algunhas das producións propias da Deputación da Coruña que se presentarán no escenario do Teatro Colón.

20 de setembro de 2017 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.