publicidade hoxe

O secretario xeral de Emigración asina un novo acordo para a atención social e asistencial aos galegos residentes en Venezuela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Miranda na sinatura do convenio coa fundación Fundaourense

Miranda na sinatura do convenio coa fundación Fundaourense

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou un acordo coa fundación ‘Fundaourense’, que preside Francisco Álvaro Gómez, co obxecto de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas dos cidadáns galegos residentes en Caracas e a súa contorna, por importe de 60.000 euros.

A iniciativa financia un programa específico de atención sanitaria, farmacéutica e socio asistencial para aqueles paisanos que se atopan en situación de exclusión socio asistencial, de falta de cobertura real de asistencia sanitaria ou de prestación farmacolóxica, especialmente aos ingresados ou atendidos en residencias ou centros de acollida.

A sinatura do novo acordo e destas dúas addendas son algunhas das actuacións desenvolvidas ao abeiro da ampliación de orzamento da Secretaría Xeral da Emigración para os galegos de Venezuela, que se achega a 1’5 millóns de euros, máis do dobre do investido o pasado exercicio en acción social para os galegos residentes en, e retornados de, Venezuela.

‘Compostelas’

Miranda mantivo igualmente un encontro cos participantes residentes en Venezuela na edición deste ano do programa ‘Conecta con Galicia’, da Secretaría Xeral da Emigración, iniciativa dirixida a mozas e mozos de orixe galega ou descendentes de galegos, pola que se pretende que este colectivo teña a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico.

O programa permite que cada ano na contorna de 200 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Unha das actividades do programa é, precisamente, a realización dun tramo do Camiño de Santiago. De maneira excepcional, permítese que os documentos expedidos polo Cabildo da Catedral de Santiago que acreditan ter percorrido un mínimo de quilómetros da Vía -as compostelas- sexan entregadas nos lugares de residencia destes mozos e mozas.

Charla sobre axudas

A axenda de Rodríguez Miranda nesta nova viaxe a Venezuela rematou cunha charla informativa ofrecida polo secretario xeral en torno ás axudas do Goberno autonómico aos galegos residentes en Venezuela, e tamén a aqueles que deciden retornar á Galicia territorial.

Miranda lembrou as tres liñas específicas que o seu departamento desenvolve para favorecer o regreso dos galegos que residen fóra, compatibles con calquera outra axuda pública ou privada: as subvencións ao retorno emprendedor, para residentes no estranxeiro que decidan implantar negocio ou establecemento en Galicia; as cen Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, iniciativa pioneira deste ano para que os mozos e mozas galegos residentes no estranxeiro podan rematar a súa formación nalgunhas das tres universidades galegas e radicar aquí o seu futuro profesional e familiar; e as axudas individuais ao retorno, das que se benefician aquelas familias en situación de especial vulnerabilidade no momento do retorno.

Nestas liñas de axuda, que reflicten unha crecente demanda de solicitudes chegadas desde Venezuela, repercutiuse o total do aumento orzamentario do departamento de Miranda para este ano. O alto cargo autonómico lembrou, neste senso, que “se Galicia estivo a carón da súa xente do Exterior nos anos máis duros da crise, agora que a economía repunta temos que estar máis preto ca nunca dos que máis nos necesitan”.

20 de setembro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.