publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Proxecto Ecodestin_3IN aposta polo turismo náutico na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Presentación do Proxecto Ecodestin_3IN

Presentación do Proxecto Ecodestin_3IN

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron esta mañá na presentación do Proxecto Ecodestin_3IN, que aposta polo turismo náutico, pola apertura de novos mercados e pola captación de turismo nos nosos portos deportivos.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que grazas a esta cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, ponse en valor o turismo náutico e os nosos recursos naturais e culturais, o que redundará nunha maior actividade no eido náutico-deportivo atraendo máis turismo á nosa Comunidade.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana fixo fincapé en que o proxecto Ecodestin constitúe unha panca para a apertura de novos mercados náuticos e para atraer o turismo aos portos deportivos de titularidade autonómica. Neste sentido, sinalou que o que busca a Xunta a través del é potenciar os municipios costeiros como destinos náuticos e difundir a potencialidade dos portos en base ao seu patrimonio gastronómico, histórico, mariñeiro e natural. Tamén abrilos e facelos accesibles as 24 horas a diferentes colectivos e persoas con discapacidade.

Estes obxectivos concordan co Plan estratéxico da náutica recreativa 2012-2020, que desenvolve a Consellería do Mar a través do ente público Portos de Galicia para optimizar os recursos do sector e rendibilizar ao máximo as instalacións náutico recreativas. Para acadalos, puntualizou a conselleira, é clave promocionar os nosos portos en cinco mercados fundamentais, que son Reino Unido, Alemaña, Francia, países escandinavos e América. Unha filosofía, explicou, que coincide coa liña da Consellería do Mar de reforzar a nosa presenza nos distintos salóns náuticos que se celebran en Europa.

Deste xeito, con Ecodestin pretendese seguir á alza na tendencia positiva dos tránsitos de embarcacións nos nosos portos. Unha cifra que en Galicia nos últimos catro anos se viu incrementada nun 30% e que se quere seguir incrementando, xa que cada embarcación en tránsito que reciben as vilas portuarias xera un importante retorno económico, lembrou Rosa Quintana.

Ecodestin

O obxectivo xeral do proxecto Ecodestin é aumentar o atractivo do territorio a través do fomento e o desenvolvemento do patrimonio natural e cultural vinculado aos ríos, ás rías e á costa para especializar internacionalmente o espazo de cooperación como un único destino econáutico e deportivo, accesible, integrador e intelixente, desenvolvendo a base económica do sector turístico, náutico, de natureza e deportivo sobre a base da calidade e a sustentabilidade.

O proxecto ten como socio principal á Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) e entre os diferentes socios cos que conta están Portos de Galicia e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, da Consellería do Mar. No marco deste proxecto, Portos de Galicia traballará para facer máis accesibles 17 portos elixidos como piloto, 10 deles vinculados coa iniciativa Cruceiros Costeiros. Así, para a mellora da accesibilidade aos portos, o proxecto contempla máis de 500.000 euros, sobre un orzamento global de 2,2 millóns.

7 de setembro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.