publicidade hoxe

O prazo de solicitude das axudas para realizar obras no exterior dos edificios da cidade histórica permanece aberto ata o 23 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

No marco do programa Ter é manter, o Consorcio de Santiago vai destinar 150.000 euros a axudas para obras no exterior dos edificios da cidade histórica. O prazo para presentarse a estas axudas remata o vindeiro 23 de outubro.

A subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. No suposto de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo desta substitución.

Ademais, con carácter especial, e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da cidade histórica, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de estadas, así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra.

Beneficiarios das axudas

Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas, como unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.

Os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos 10 anos e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.

Catalogación, interese arquitectónico e nivel de ocupación

Os interesados deben presentar as solicitudes no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro. Dende o organismo salientan que as comunidades de propietarios deben avanzar nos acordos de comunidade. Ademais, os prazos de concesión poden acurtarse se os solicitantes aportan o proxecto técnico xa redactado.

Na avaliación das solicitudes valorarase que se dispoña dun plan de mantemento para o edificio e primarase a incorporación de novos solicitantes. Tamén se terá en conta o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao nivel de ocupación do mesmo. A contía da subvención será do 40% do orzamento máximo subvencionable. Para resolver calquera dúbida desta convocatoria, os interesados deberán poñerse en contacto ou acudir á Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.

21 de setembro de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.