publicidade hoxe

O Plan Único da Deputación inviste 1,4 millóns de euros para mellorar as infraestruturas de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao concello de Riveira, onde foi recibido polo alcalde Manuel Ruíz Rivas e polos portavoces dos diferentes grupos políticos que contan con representación na corporación municipal. Á visita tamén acudiu o deputado responsable da área de Economía e Facenda da institución provincial, Antonio Leira Piñeiro.

Na recepción que tivo lugar no Salón de Plenos, o alcalde ribeirense agradeceu a visita do presidente “para coñecer as necesidades” do municipio e destacou “o importante papel que a Deputación desenvolve na marcha diaria dos concellos”. Pola súa banda, González Formoso agradeceu a recepción por parte membros da corporación e destacou o “importante investimento” que este ano realizará a Deputación no concello a través do Plan Único.

Cunha achega económica de 1,4 millóns de euros, a Deputación contribuirá a mellorar numerosas infraestruturas e servizos básicos municipais no termo municipal de Riveira. Pavimentacións de estradas e camiños, renovación de beirarrúas, sistemas de saneamento e abastecemento de auga son algunhas das 13 obras que financiará este ano o novo programa provincial e que “chegarán a multitude de recunchos deste concello co soporte económico da Deputación”.

Dentro das obras contempladas no Plan Único para este exercicio, destacan a renovación das beirarrúas e pluviais da avenida de Ferrol, unha das entradas principais ao municipio, dotada con máis de 103.000 euros; a pavimentación das rúas Rosalía de Castro, Galicia, Cristóbal Colón, Castelao e Juana Torres, entre outras, a creación dun parque infantil e biosaludable en Os Muiños (70.615 euros), ou a pavimentación de camiños en San Roque e Dean Pequeno (218.557 euros).

O presidente provincial sostivo que estes 1,4 millóns de euros súmanse aos 2,6 millóns que a Deputación xa leva investidos no municipio durante este mandato a través de diversos plans, co que “o investimento provincial alcanza unha cifra récord de 4 millóns de euros nestes dous anos”.

Formoso destacou tamén algunhas das vantaxes coas que conta o Plan Único, entre elas unha maior autonomía municipal “que permite ao concello de Riveira ter a capacidade de decidir en qué se invisten os fondos que achega a Deputación” ou a posibilidade de destinar parte dos fondos a axilizar o pagos a provedores ou a amortizar a débeda municipal, contribuíndo así ao saneamento das contas dos concellos coruñeses. No caso de Riveira, o plan destina 142.903, 62 euros a reducir a súa débeda.

Melloras na rede provincial de estradas

O alcalde de Riveira solicitou diversas melloras na rede de estradas provinciais que pasan polo municipio. Neste sentido, González Formoso comprometeuse a completar as obras de mellora da DP 7305 ao seu paso polo núcleo de Aguiño, onde quedou arredor dun 10% do proxecto inicial sen executar debido a problemas da empresa adxudicataria alleos á Deputación.

“Como non podía ser doutro xeito, imos rematar a obra para deixala tal como estaba no proxecto”, afirmou o presidente, que anunciou que o departamento de Vías e Obras da institución provincial redactará un proxecto específico para rematar os traballos pendentes, que consisten basicamente no soterramento de liñas eléctricas, movemento de postes e pavimentación.

Outra das demandas municipais, a construción da continuación da senda peonil que conectará os núcleos de Vixán e A Graña, conta xa con proxecto técnico e un orzamento de 140.177 euros. As obras, que aínda están pendentes de licitarse, permitirán crear unha beirarrúa de dous metros de ancho, que dará continuidade á senda peonil xa executada na DP 7306 pola Deputación.

Acondicionamento do campo de fútbol de A Guía

Durante a súa visita, Ruíz Rivas e González Formoso, percorreron algúns puntos do municipio que contarán con investimentos provinciais, como o campo de fútbol de A Guía, na parroquia de Carreira, que no seu día foi dotado con terreo de xogo de herba artificial e que recibirá agora, unha achega da Deputación para o acondicionamento do acceso e da superficie que rodea o terreo de xogo.

Os traballos consistirán no roce e a escavación das dúas zonas, a extensión dunha capa de zahorra artificial e por último o pavimentación cunha capa de mestura bituminosa en quente.
O Plan Único da Deputación da Coruña financiará tamén actuacións similares de pavimentación no campo de fútbol de Aguiño e a construción dun peche na zona nordeste do campo de Oleiros.

21 de setembro de 2017 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.