publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Goberno galego aproba a ampliación da depuradora de Rianxo e as obras da enseada da Malata en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal PortadaPortada esquerdaRianxo
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello o avance do Goberno galego no compromiso co saneamento das rías a través da aprobación da ampliación da depuradora de Rianxo, así como do proxecto de execución das obras de saneamento da enseada da Malata en Ferrol.

No tocante á primeira infraestrutura, Feijóo subliñou que, coa ampliación desta depuradora, a creación dunha nova rede de colectores e dun tanque de tormentas, a Xunta actúa na marxe dereita da ría de Arousa, coa previsión de poder licitar este ano o concurso para a redacción e execución destas obras.

Trátase de dúas novas actuacións que, cun investimento de 14 millóns de euros, permitirán dar solución á problemática existente focalizada en dous factores: o excesivo volume de augas residuais xeradas na rede; e a súa carga contaminante, especialmente por verteduras das industrias conserveiras, explicou, ao que engadiu que a nova planta depuradora terá unha capacidade total para máis de 23.000 habitantes.

Así mesmo, para solucionar o problema de capacidade do colector interceptor, amplamente superada polo caudal que recibe, construirase tamén un novo colector de case 1.400 metros de lonxitude aproximadamente.

Desde 2009, o investimento en actuacións rematadas -ou a piques de rematar- na ría de Arousa ascende a máis de 53 millóns de euros. A esta cifra hai que engadir preto de 30 millóns que se destinarán de aquí a 2021 para as infraestruturas pendentes. Desa cifra, 14 millóns son os que se veñen de activar na zona de Rianxo; quedan 9,5 millóns nos sistemas de saneamento en Vilagarcía; outros 4,6 millóns na rede de saneamento de Vilanova de Arousa e Cambados; e 2,5 millóns no sistema de saneamento da Illa de Arousa. Con isto, finalizaríase a depuración e o saneamento da ría.

Ría de Ferrol

A segunda actuación aprobada en materia de saneamento permitirá, segundo afirmou Feijóo, completar o saneamento integral da ría de Ferrol. Non en van, esta actuación súmase ás executadas polo Estado e cofinanciadas pola Xunta de Galicia e os Concellos de Narón e Ferrol na marxe norte da ría, que permitiron a posta en funcionamento da rede de interceptores para a recollida e condución das augas residuais ata a EDAR de Cabo Prioriño, onde se depuran antes do seu vertido ao mar.

Cómpre subliñar que estas obras, que suporán un orzamento de 7,1 millóns de euros e darán servizo a preto de 15.000 habitantes, compóñense de dous tanques de tormentas: un deles estará situado nas inmediacións do FIMO da Malata e outro nas proximidades do CIS Galicia, que veñen a substituír á estación de bombeo existente en avanzado estado de deterioro. Ademais, prevese a dotación da Estrutura de Regulación da Malata, que controlará o caudal procedente da marxe leste da enseada da Malata transportado polo colector xeral.

Así mesmo, o proxecto contempla a construción dunha rede de colectores xerais de saneamento e a súa conexión coa rede existente e a remodelación do bombeo existente na zona da Cabana.

A primeira fase, na marxe norte desta ría levamos investidos 200 millóns de euros. Na fase sur levamos investidos 76 millóns. Isto significa que na ría de Ferrol, entre os fondos da comunidade e os fondos estatais, investíronse 276 millóns de euros.

7 de setembro de 2017 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.