publicidade hoxe

O director do Igape destaca en Rusia a innovación e o saber facer do naval galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral do Igape, Juan Cividanes, salientou esta mañá en San Petersburgo (Rusia) a innovación e o saber facer do naval galego, un sector que conta con potencial e capacidade técnica para asumir novas alianzas e atender novos encargos.

Cividanes, que presidiu a delegación de empresarios galegos que foi recibida por autoridades do goberno rexional, destacou que Galicia está a recuperar o liderado do sector naval en España, grazas á ambición e ao traballo de estaleiros e empresas auxiliares para seren máis competitivos, contando para iso co apoio continuado da Xunta.

A construción naval en Galicia segue a reforzarse con novos contratos, o 47% dos conseguidos por España no primeiro semestre de 2017, ao tempo que abre novas oportunidades en ámbitos como o pesqueiro, a enerxía eólica ou os cruceiros.

Un total de trece empresas galegas vinculadas ao sector naval buscan desde hoxe novas oportunidades de negocio e alianza no mercado ruso, mediante unha misión empresarial organizada por Aclunaga e a Cámara de Comercio da Coruña, ao abeiro do plan Foexga financiado pola Xunta. Participan ata o xoves en San Petersburgo na feira internacional Neva, especializada na construción naval e a navegación. Os empresarios galegos do sector buscan consolidar, con encontros empresariais e visitas a estaleiros locais, as relacións que algunhas empresas do naval manteñen en Rusia, ao tempo que agardan abrir, como froito dos contactos no marco da Feira Neva, novas vías de negocio neste sector.

Juan Cividanes destacou que o pasado ano 130 empresas galegas exportaron a Rusia mercadorías por máis de 111 millóns de euros, un 5,48% máis que no ano anterior, e que as exportacións galegas a ese mercado seguen a medrar durante este ano. O director do Igape salientou que incrementar as exportacións galegas cara a Rusia é un dos obxectivos desta misión, ao tempo que lembrou a disposición de Galicia para acoller investimentos innovadores que completen as cadeas de valor nos sectores estratéxicos da economía galega.

18 de setembro de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.