publicidade hoxe

O Consorcio Casco Vello de Vigo adquire un novo edificio na praza do Berbés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo autorizou na súa reunión desta mañá a compra dun novo edificio, concretamente no número 41 da Ribeira do Berbés, por un importe de 125.000 euros. Unha operación que se encadra no compromiso e aposta do organismo rehabilitador de recuperar esta fronte marítima. O inmoble, duns 300 metros cadrados de superficie útil, encóntrase nestes intres en avanzado estado de ruína. Esta última edificación súmase á adquisición do número 5 o pasado ano e aos tres edificios, nos números 11, 13 e 15, cedidos á Universidade de Vigo para crear a súa sede institucional e un centro de actividades múltiples.

Trátase dunha edificación de dous plantas na que se proxecta a construción de dúas vivendas de dous dormitorios. Un deles orientado á fachada do Berbés e o outro á rúa San Francisco. En resumen, dúas novas vivendas que se sumarán aos sete inmobles que actualmente se encontran en execución promovidos polo Consorcio Casco Vello de Vigo.
Así o confirmou o delegado da Xunta en Vigo e presidente do CCVV, Ignacio López-Chaves, quen avanzou que en próximas datas se pechará unha nova operación de compra, que enmarcou no obxectivo irrenunciable do Consorcio, no que a Xunta de Galicia participa nun 90 por cento a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, coa rehabilitación da zona histórica da cidade olívica.

Na rolda de prensa na que informou dos asuntos abordados no Consello de Administración do organismo recordou a posta en marcha a partires do ano que vén do novo plan de actuación, con vixencia ata o 2020 e unha inversión prevista que supera os 15 millóns de euros. Unha folla de ruta que contempla a rehabilitación de 5.382,52 metros cadrados de vivendas e 1.882,08 de locais. En conxunto o plan recolle como obxectivo de partida a rehabilitación dunha decena de edificacións nos vindeiros sete anos, que podería elevarse de aprobar como ten avanzado o Goberno local a vía da expropiación.

Labor do CCVV

Nestes doce anos, o Consorcio Casco Vello adquiriu 68 inmobles situados dentro dos límites do seu ámbito de actuación, fixados polo PEPRI Casco Vello. Deles 46 están xa totalmente rehabilitados, 7 foron transferidos a outros organismos, 4 están en proceso de construción, 5 en proxecto e tan só en seis deles, a maior parte de recente adquisición, non se iniciaron aínda os labores de rehabilitación.

O consorcio promoveu 108 vivendas, das que 83 xa foron vendidas e outras 15 están en distinta fase de execución.

7 de setembro de 2017 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.