publicidade hoxe

O Concello de Vigo dedica máis de 1,8 millóns de euros a financiar 5.000 bolsas de comedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

“Nin un só neno quedará sen bolsa de comedor mentres sexa alcalde” asegura Caballero que garantiu a atención aos escolares neste curso, no que o Concello destina 112.000 euros a axudas para libros e material.

O alcalde deu conta este xoves da aprobación por parte da Xunta de Goberno local da declaración de dispoñibilidade de crédito e a autorización para ampliar as axudas municipais escolares de comedores e libros para o curso 2017-2018. Así a contía dedicada ao programa ascende a 1.831.000 euros que beneficiarán a 5.000 escolares vigueses aproximadamente, a través das axudas da área de política social municipal e do apoio a Foanpas.

O rexedor salientou que en Vigo “nin un so neno quedará sen bolsa de comedor mentres eu sexa alcalde”, unha realidade que se vén cumprindo dende hai anos e que volverá repetirse neste curso 2017-2018 coas axudas municipais que están “plenamente operativas, sen lista de espera”. Ademais, o Concello dedica 112.00 euros a financiar 1.324 bolsas de libros e material escolar para o alumnado da cidade.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á clasificación de ofertas para a contratación do subministro de material eléctrico para as instalacións de iluminación, fontes e túneles do Concello por un valor de 150.000 euros. Para o alcalde, isto permite seguir adiante co proceso de boa iluminación da cidade que conta con 46.697 puntos de luz de titularidade municipal e 772 centros de mando. O contrato supón o subministro de diverso material eléctrico, como soportes, accesorios e lámpadas, entre outro material electromecánico.

Amais, o goberno municipal continúa a tramitación do expediente de ampliación da rede de abastecemento na rúa Abade Juan de Bastos en Matamá cun importe de 87.000 euros e que, na súa opinión, “mellorará a calidade de vida de moitas persoas”, ao confluír no espazo unha escola infantil e o club de fútbol Atlántida de Matamá.

21 de setembro de 2017 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.