publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O 10º FICBueu proxectará en 8 días 100 curtametraxes de 40 países

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaBueuLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) proxectará entre os vindeiros 9 e 16 de setembro un total de 100 obras procedentes de 40 países, ademais de ofrecer coloquios, obradoiros, radio en directo, espectáculos, turismo e gastronomía. O evento, que chega este ano á súa décima edición, conta con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das subvencións a festivais audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Museo Massó da vila pontevedresa acolleu hoxe a presentación do programa completo do certame, nun acto no que participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal; e mais o director do FICBueu, Manuel Pena.

Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou que este é un dos festivais audiovisuais subvencionados pola Xunta de Galicia, canle pola que obtén este ano 22.000 euros, “o que sen dúbida vén recoñecer tanto a valía da súa carteleira artística como a profesionalidade da súa xestión e programación, así como a súa contribución á difusión cinematográfica no país”. Engadiu que coa contía concedida ao FICBueu increméntase sensiblemente respecto á edición anterior “e faise de xeito fundamentado, por decisión dunha comisión de expertos que identificaron os valores, a solvencia e a singularidade deste encontro dentro do, cada vez máis consolidado, mapa galego de festivais audiovisuais”.

O director da Agadic referiuse á cantidade de actividades paralelas e de novidades do FICBueu 2017 e detívose especialmente nos seis filmes da carteleira asinados por creadores galegos ou de produción galega: Lembranza, de Al Díaz; Néboa, de Claudia Costafreda; Querido Tom, de David Tembleque; As vacas de Winsconsin, de Sara Traba; Decorado, de Alberto Vázquez; e Einstein-Rosen, de Olga Osorio.

Competición e máis

Na sección oficial concorren 25 títulos, que entran na competición polos galardóns do festival. O resto das curtas agrúpanse nos apartados de Comedia, Animación, Familiar, España, Latinoamérica, Xuvenil, Infantil, Escolas ou Panorama, entre outras.

Á parte da carteleira de proxeccións, o FICBueu ofrecerá distintos relatorios, talleres, a emisión en directo dos programas de radio Carne cruda e El séptimo vicio, o espectáculo de maxia O cinematómago, a sesión de narración oral Contos de Película cargo de Olalla González, unha participación especial do ilustrador Luis Davila e encontros con cineastas galegos e internacionais. O programa complétase con outras accións para a dinamización do pobo, tales como a ruta gastronómica ‘Tapas 5 Estrelas’, un showcooking patrocinado por Galicia Calidade, ou un paseo ata a Illa de Ons a bordo dunha embarcación tradicional, actividade na que colaboran Turismo de Galicia e a asociación local Os Galos.

A inauguración oficial do FICBUEU será este sábado día 9 no Centro Social do Mar, espazo que acollerá a meirande parte da carteleira. O acto contará coa actuación do trío de jazz A doce Vita, que ofrecerá un concerto con repertorio de bandas sonoras. A proxectarase Noticiario Folk nº 1, peza de Ramón Barreiro datada en 1932, recentemente recuperada e restaurada, e que lle foi cedida polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ao festival para a ocasión.

O FICBueu outorga os seus premios deste ano ao actor galego Antonio Durán Morris e á actriz madrileña Nieve de Medina.

6 de setembro de 2017 | 14:45 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario