publicidade hoxe

Nava Castro celebra o auxe dos viños galegos que se promoverán co Roadshow de Enoturismo Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Nava Castro na presentación de Roadshow. Foto: X. Crespo

Nava Castro na presentación de Roadshow. Foto: X. Crespo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do Roadshow de Enoturismo Galicia na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. A campaña percorrerá as sete principais cidades da Comunidade ata finais deste mes a bordo dun enotruck, un tráiler equipado cunha sala de catas que promoverá, con distintas accións, os recursos enoturísticos das denominacións de orixe vitivinícolas galegas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

A iniciativa da marca Enoturismo Galicia, integrada por estas cinco DO, conta co respaldo de Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia, co obxectivo de potenciar e consolidar esta marca. Isto contribuirá, como sinalou Nava Castro, a “incrementar a calidade de Galicia como un destino turístico de referencia”. Neste sentido, lembrou que a riqueza destes viños “é cada vez máis recoñecida e valorada, converténdose en embaixadores internacionais”.

O enotruck permanecerá todo o día de hoxe na praza do Obradoiro, con dúas catas abertas aos cidadáns as 18,30 e ás 21,00 horas, dirixidas pola sumiller Mercedes González. Estas catas serán gratuítas e nelas poderá gozarse tamén dos queixos da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, mexillóns, agullas e xoubiñas de Anfaco. Esta variada oferta estará amenizada polo dúo ourensán Soul&Roll, de Miguel Araújo e Tamara Pérez, desde ás 19,00 horas.

Tras o seu paso polo Obradoiro, o Roadshow de Enoturismo Galicia desprazarase o venres á praza de Armas de Ferrol e o sábado ao Obelisco da Coruña. A semana seguinte, o día 15 chegará á praza de Ferreiría de Pontevedra e, unha xornada despois, estará na praciña de Urzáiz e na praia de Samil de Vigo. A iniciativa das cinco rutas de Enoturismo Galicia rematará os días 22 e 23 na rúa do Paseo de Ourense e na praza de España de Lugo.

Presenza en Madrid e París

Nava Castro felicitou ao sector por esta proposta e animou a galegos e turistas a coñecer e gozar dos viños da Comunidade, que este outono se promoverán fóra de Galicia coa orixinal campaña 5 galegas en Madrid e París nas prestixiosas viñotecas Lavinia de ambas capitais.

Estas iniciativas, como afirmou a directora, contribúen a cumprir os obxectivos fixados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta na que a Xunta e o sector planifican o crecemento neste eido coa sustentabilidade e a calidade como piares fundamentais. Neste documento o enoturismo ocupa un lugar destacado como valor diferenciador, que diversifica e especializa a oferta e axuda a desestacionalizar a demanda máis alá da temporada estival.

5 de setembro de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.