publicidade hoxe

Miranda inicia outra viaxe a Venezuela para pulsar a situación da colectividade galega residente no país

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Miranda inicia unha nova viaxe a Venezuela

Miranda inicia unha nova viaxe a Venezuela

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia unha nova viaxe a Venezuela para pulsar en vivo a actualidade da diáspora galega nese país, e afondar nos posibles camiños que axuden a paliar as situacións de dificultade nas que se atopan -como o resto da cidadanía- as e os galegos alí residentes, agravadas pola crecente tensión social.

Miranda entrevistarase en primeiro lugar co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en Venezuela, Santiago Camba, e tamén co propio embaixador, Jesús Silva, e despois reúnese cos presidentes das comunidades galegas de Venezuela. Rematará a súa primeira xornada no país cunha xuntanza cos presidentes das comunidades galegas presentes no país.

Xa na xornada de mañá martes, o titular de Emigración ofrecerá unha charla informativa sobre as axudas da Xunta aos emigrantes residentes en Venezuela, e aos retornados a Galicia. Antes, asinará un acordo coa fundación Fundaourense para atención a galegos residentes en Caracas, e tamén dúas addendas aos asinados no seu momento con outras dúas entidades que prestan in situ atención aos galegos con maiores dificultades, a Hermandad Gallega de Valencia, e a súa homóloga en Caracas.

Recoñecemento da Hermandad

Durante a súa última estadía en Galicia a pasada semana, o presidente da Hermandad Gallega de Venezuela, Roberto González Pérez, entregou ao secretario xeral un recoñecemento, precisamente, polo labor de apoio aos galegos residentes no país que realiza o departamento que dirixe Miranda.

18 de setembro de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.