publicidade hoxe

Miranda destaca aos beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior que “o futuro de Galicia, como o seu pasado, pasa polas dúas beiras do Atlántico”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta para Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro cos mozos e mozas galegos residentes na Arxentina beneficiarios das primeiras Becas Excelencia Mocidade Exterior, iniciativa da Xunta, novidade deste ano, que busca atraer á Galicia a galegos residentes fóra con currículos brillantes.

As bolsas financian a estadía e estudos de licenciados galegos residentes no Exterior para cursar unha escolma dos másteres ofertados por algunha das tres universidades galegas, e ten ademais o obxectivo de fixar poboación nova na Galicia territorial, xerando emprego en sectores en expansión.

Durante o encontro cos mozos e mozas, que tivo lugar no Club Español de Bos Aires, Miranda sinalou a esta primeira xeración de beneficiarios das Bolsas que “Galicia comprométese con vós con esta iniciativa, porque tamén sabemos do voso compromiso para achegar coñecemento e experiencias no avance da nosa terra. O futuro de Galicia, como o seu pasado, pasa polas dúas beiras do Atlántico”.

O secretario xeral lembroulles tamén que a duración da beca vai ligada á do máster, e que haberá permanente coordinación coas universidades e coa Consellería de Educación para avaliar os aspectos que se consideren poden mellorar o funcionamento da iniciativa. “Invítovos a achegar cantas suxestións consideredes a tal efecto oportunas”, engadiu.

Mañá, en Uruguai

Na xornada de mañá, Miranda trasladarase ata Montevideo, onde manterá un encontro co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada española en Uruguai, Benito Díez, e asinará cadanseu acordo de colaboración en materia social e asistencial con dúas entidades da diáspora. Tamén manterá un novo encontro con mozos e mozas galegos, neste caso os residentes ata agora en Uruguai, beneficiarios das primeiras ‘Becas Excelencia Mocidade Exterior’.

1 de setembro de 2017 | 14:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.