publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural anima aos propietarios a agruparse en sociedades de fomento forestal para mellorar a xestión dos montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

Galicia conta actualmente con cinco sociedades de fomento forestal (Sofor) inscritas con carácter definitivo no seu correspondente rexistro, que suman preto de 1.000 hectáreas e agrupan 217 propietarios. Sitúanse no concello coruñés de Serra de Outes, no lugués da Fonsagrada e nos pontevedreses da Estrada e Silleda (este último conta con dúas sociedades). Ademais, tamén están inscritas con carácter provisional outras dúas Sofor en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) con outras case 300 hectáreas en total e 17 propietarios máis.

A maiores, a Consellería do Medio Rural ten constatado o interese por formar este tipo de sociedades de fomento forestal noutras zonas de Galicia, caso da Costa da Morte ou o interior da provincia de Lugo. Nestas áreas poderían constituírse no futuro ata outras seis Sofor máis.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a Sofor de Santa Juliana, na Fonsagrada, a última en constituírse e que suma un total de 189 hectáreas e agrupa 33 propietarios. A súa posta en marcha formalizouse o pasado día 25 de agosto e sitúase na parroquia de Cereixedo.

Nesta visita, Ángeles Vázquez destacou a importancia desta figura na ordenación e posta en valor do monte galego, coa agrupación voluntaria dos seus titulares e animou a estes propietarios a sumar esforzos a través desta vía de cooperación, xa que, remarcou, “no eido forestal, máis que en ningún outro, faise realidade a afirmación de que a unión fai a forza”.

Xestión conxunta

As Sofor son agrupacións de propietarios forestais que ceden a xestión das súas parcelas a unha sociedade mercantil de responsabilidade limitada, constituída por eles mesmos, co obxecto de que esta leve a cabo unha xestión forestal conxunta. Esta figura está aberta a unha xestión multifuncional do monte, de forma que pode haber Sofor orientadas aos aproveitamentos madeireiros, pero tamén aos de pastos, froitos, cogomelos, etc.

Ángeles Vázquez salientou que as Sofor presentan diferentes vantaxes. En primeiro lugar, o feito de ser unha figura propia do dereito privado, con regulación mercantil específica; en segundo termo, que a súa finalidade non se restrinxe unicamente á prevención de incendios forestais, senón que vai máis alá, buscando a posta en valor do monte e o aumento da renda agraria. Explicou tamén que as Sofor teñen ao seu favor a adscrición sempre voluntaria dos propietarios; permítese, ademais, capital privado investidor (poden coexistir socios propietarios con outros capitalistas) e garántese o dereito de propiedade dos socios, que só ceden os dereitos de uso e a venda de produtos por aproveitamento forestal pode facerse de maneira directa desde a sociedade, que eles mesmos constitúen.

Explotación rendible

Neste sentido, a conselleira lembrou que lograr unha explotación económica rendible do monte convértese nun factor imprescindible para facer posible unha xestión sostible das superficies forestais de propiedade privada. Este obxectivo resulta de difícil consecución se temos en conta a estrutura da propiedade e a organización do monte de particulares en Galicia, que se caracteriza por unha excesiva fragmentación. Por iso é fundamental dispoñer dunha superficie mínima adecuada e tamén é o motivo polo que desde as institucións debe fomentarse a concentración da propiedade forestal ou da súa xestión.

Por outra banda, unha Sofor pode solicitar a concentración privada dos seus terreos, que é financiada ao 100% pola Administración, o que a converte non só nunha forma de dar viabilidade á xestión de pequenas parcelas forestais, senón ademais nunha formidable ferramenta de consolidación da propiedade forestal para os seus propietarios.

8 de setembro de 2017 | 13:24 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario