publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural amplía o prazo para presentar a licencia de obra nas axudas para plans de mellora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVedra
A-
A+

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, vén de anunciar unha ampliación do prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes coas axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións. En concreto, o aumento do prazo será dun mes pasando do 15 de setembro ao 16 de outubro.

Esta decisión tomouse tras analizar as demandas tanto de particulares como de organismos que solicitaban unha marxe maior para xustificar os investimentos a realizar e polo que os beneficiarios recibirán a correspondente subvención. Esta modificación sairá publicada no Diario Oficial de Galicia en breve e será efectiva dende o día seguinte.

Belén do Campo fixo esta comunicación nun encontro co alcalde de Vedra, Carlos Martínez, que se interesou pola posible ampliación de granxas avícolas no concello, así como por novos plans de mellora. Ambos portavoces avaliaron distintas necesidades relacionadas co eido rural no municipio.

Uns 65 millóns para o agro

O orzamento desta orde en 2017 chega aos 65 millóns de euros, un 7% máis que no exercicio anterior. En concreto, 40 millóns de euros irán destinados a apoiar investimentos en explotacións agrícolas (plans de mellora), 20 millóns para impulsar a incorporación de novos activos ao agro (agricultores mozos) e 5 millóns para fomentar o desenvolvemento de pequenas explotacións. Estas axudas están encadradas dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que prevé –para estas liñas de axuda– un investimento de 247,5 millóns de euros en todo o período de execución.

Estas achegas xa fixeron posible o ano pasado a incorporación de 618 mozos, unha cifra destacada á que hai que sumar a aprobación doutros 582 expedientes de plans de mellora de explotacións e doutras 32 axudas para o desenvolvemento de pequenas granxas.

7 de setembro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario