publicidade hoxe

Medio Ambiente remata o trámite ambiental da modificación puntual das normas subsidiarias do Concello de Cerceda para a posible ampliación das instalacións da firma Gesuga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCercedaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dá por concluído, polo procedemento simplificado, o trámite ambiental da modificación puntual das Normas Subsidiarias que rexen no Concello de Cerdeda para a posible ampliación das instalacións da firma Gesuga. Así, unha vez analizada a documentación e as características da zona de ampliación, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático descarta que o futuro desenvolvemento deste proxecto teña efectos significativos no entorno, tal e como se indica no informe que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, o departamento autonómico sinala que se trata dun ámbito moi industrializado e afastado dos núcleos de poboación. Valorouse, por tanto, este illamento, a proximidade coas instalacións que necesitan redimensionar e a presenza, neste entorno, doutras plantas destinadas, tamén, ao tratamento de residuos.

Cómpre recordar que, a zona obxecto desta modificación localízase no lugar de Areosa, entre as parroquias de Queixas e Xesteda. En total, son preto de 70.000 metros cadrados nos que, ademais dunha zona edificable, prevese a creación de espazos libres de carácter público, habilitaranse itinerarios peonís e unha senda ciclista e 93 prazas de aparcamento de titularidade pública.

Así, para o desenvolvemento deste proxecto, é necesaria a modificación urbanística puntual dos terreos, que pasarían a ter a consideración de urbanizable. No obstante, e co fin de garantir o uso sustentable do territorio, o departamento de Calidade Ambiental determina a necesidade de adecuar a tramitación urbanística desta modificación ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais. Para iso, será necesario no futuro desenvolvemento deste plan, manter a distancia de seguridade mediante o establecemento dunha franxa de 30 metros libre de vexetación seca e coa masa arbórea rareada.

Ademais, segundo se sinalar no informe ambiental que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobada a modificación puntual das Normas Subsidiarias deberase solicitar o correspondente informe vinculante á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural co fin de identificar e garantir a protección dos elementos arquitectónicos que se poidan atopar nas proximidades do ámbito de actuación.

A finalización do trámite ambiental, polo procedemento simplificado, da modificación puntual das Normas Subsidiarias de Cerceda para a posible ampliación da firma Gesuga permitirá co Concello someter a consulta pública o proxecto e continuar coa súa tramitación urbanística.

8 de setembro de 2017 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.