Medio Ambiente licita a redacción do proxecto de mellora do sistema de abastecemento da Cañiza por 70.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita por 70.000 euros a redacción do proxecto construtivo da obra de mellora do sistema de abastecemento do municipio.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se da publicidade a este contrato que conta con fondos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
Así, as actuacións consistirán na construción dunha nova captación no río Deva e na impermeabilización do depósito existente. Ata agora, o concello subminístrase de mananciais, polo que, este acordo permitirá aumentar a garantía de abastecemento do concello.
As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a este proxecto dispoñen ata o 16 de outubro.
Con esta licitación, Augas de Galicia aposta por manter a colaboración cos concellos galegos que permitan a posta en marcha infraestruturas e servizos que melloren a calidade de vida dos cidadáns.