publicidade hoxe

Medio Ambiente e Concello de Ourense colaboran na organización dunha carreira popular para fomentar a reciclaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Ourense colaboran na organización dunha carreira popular para o fomento da reciclaxe. A cita terá lugar o vindeiro 24 de setembro na cidade das Burgas e enmárcase dentro da campaña itinerante Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor, liderada polo departamento autonómico en colaboración con Sogama e Ecoembes; coa que se pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de adoptar comportamentos que faciliten a valorización dos residuos e a prolongación da vida útil dos produtos.

Deste xeito, o departamento de Medio Ambiente aposta por abandonar o sistema lineal de fabricar-usar e tirar para transitar cara a un modelo circular no que se dea prioridade ao máximo aproveitamento dos produtos. Así, co fin de lograr a máxima implicación da cidadanía neste obxectivo, a Xunta de Galicia puxo en marcha esta campaña que, ademais da colaboración con distintos eventos deportivos, contempla o desenvolvemento de actividades lúdico-didácticas como as que xa se teñen realizado en moitos concellos galegos e que continuará durante o mes de setembro con novas accións.

Por tanto, nos vindeiros días, a aula móbil e as carpas informativas da campaña de Oportunidades Galicia estarán presentes en 15 municipios da Comunidade, a maiores das actividades de divulgación que se desenvolverán con distintos colectivos sociais.

Mediante as actividades lúdico-didácticas, o persoal especializado da aula móbil e das carpas informativas mostrarán aos participantes como un xesto sinxelo pode axudar a coidar o planeta. Deste xeito, reutilizar papel, pois cunha tonelada de papel recuperado evitase a tala de 24 árbores adultas; reciclar unha botella de plástico aforra a enerxía necesaria para manter unha lámpada acesa durante seis horas, pola contra, tarda 450 anos en descompoñerse na natureza; ao igual que as latas, que tardan entre 250 e 500 anos en descompoñerse, mentres que unha soa lata pode facer funcionar un televisor durante tres horas.

Ademais, cómpre salientar que para facer desaparecer unha botella de vidro son necesarios máis de 5.000 anos se non se recicla, cando, se o facemos, estamos a aforrar enerxía para manter acendida unha lámpada durante catro horas.

En definitiva, os monitores animarán aos participantes a adoptar accións sinxelas que se poden materializar e realizar no día a día de xeito individual por grandes e pequenos, xa que o coidado do medio ambiente é unha responsabilidade de todos.

‘Separemos ben, reciclaremos mellor’

Cómpre recordar que hai case un ano o departamento autonómico puxo en marcha a campaña Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor. Trátase dunha iniciativa, en colaboración con Sogama e Ecoembes, que ofrece diversas actividades lúdico-didácticas a través das cales persoal especializado forma e informa ao público sobre a correcta separación dos residuos domésticos e os hábitos e comportamentos que poden adoptar para incrementar as taxas de reciclaxe, prolongar a vida útil dos produtos e fomentar a economía circular.

6 de setembro de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.